Vilagarcía recibe tres Flores de Honra no certame Vilasenflor

O certame organizado pola Fundación Juana de Vega e as asociacións de viveiristas e empresas de xardinería recoñece a labor dos concellos para embelecer os espazos urbanos

Lino Mouriño recogió el premio de Vilasenflor. DS
photo_camera Lino Mouriño recogió el premio de Vilasenflor. DS

O Concello de Vilagarcía vén de recibir outra distinción, neste caso a que concede anualmente o certame Vilasenflor de Galicia pola mellora e embelecemento dos espazos urbanos. O galardón deste ano traduciuse na concesión de tres Flores de Honra, o que representa unha subida de nivel respecto aos dous anos anteriores, nos que se tiña valorado a imaxe e o traballo do municipio coa concesión de dous distintivos do máximo de cinco que se poden obter. O concelleiro de Servizos, Lino Mouriño, foi o encargado de recoller o galardón no acto celebrado o venres en Tomiño e no que estiveron representados todos os municipios galegos destacados este ano.

Os premios Vilasenflor Galicia convócaos a Fundación Juana de Vega, xunto coa Asociación de Viveristas do Noroeste e Asociación Galega de Empresa de Xardinería no marco dun programa co que pretenden amosar e poñer en valor a riqueza natural e paisaxística do territorio mediante o recoñecemento público de todos aqueles proxectos de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos que son un exemplo a seguir. Neste marco, a fundación que traballa pola mellora integral do territorio e a paisaxe en Galicia, premia ao pobos e cidades que destacan por unha actuación real, consciente e a longo prazo en materia de axardinamento, medioambiente e mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

No certame valóranse tanto as intervencións de xardinería e arte floral, así como as actuacións de humanización, mellora de zonas de esparexemento, creación de sendas, miradoiros ou rutas naturais.

O Concello de Vilagarcía presentouse ao certame Vilasenflor Galicia por primeira vez na edición de 2021. Na súa primeira participación obtivo dúas Flores de Honra, distincións que renovou en 2022 e que agora aumenta coa terceira.