Vilagarcía pon en marcha o programa 'Vaischool!, Camiños Escolares Seguros'

Alumnado de distintas idades participaron nos dous primeiros traxectos do itinerario
Camiños Escolares Seguros Vaischool!. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Un dos indicadores de Camiños Escolares Seguros Vaischool!. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O programa Vaischool! púxose en marcha onte en Vilagarcía coa realización dos dous primeiros traxectos dos Camiños Escolares Seguros, nos que participaron alumnos de distintas idades para dirixirse aos seus respectivos centros educativos na zona da Lomba.

 Ao tratarse da experiencia piloto, acudiron acompañados de familiares, e seguindo as explicacións dun guía de Stop Accidentes, asociación coa que o Concello asinou un convenio para as labores de concienciación e desenvolvemento do programa. 

A partir de agora a experiencia déixase nas mans das familias e do alumnado, para continuar con esta práctica que, ademais de mellorar a mobilidade, fomentando os desprazamentos a pé en lugar de en vehículos particulares, recupera o espírito de comunidade e fomenta a autonomía persoal.

As rutas elixidas para poñer en marcha o Vaischcool! foron dúas: a que parte da rúa Rey Daviña e a que o fai dende o número 33 da avenida das Carolinas. Dende aí partiron os primeiros participantes, aos que se lle foron sumando máis persoas ao longo dos traxectos elaborados previamente en base aos fluxos estudados por Stop Accidentes e que o Concello sinalizou cos logotipos das pegadas dos Camiños Escolares Seguros. Os escolares ían identificados co brazalete do programa.

Os monitores lles ían explicando como deben guiarse para seguir as rutas e como deben comportarse á hora de cruzar unha rúa ou atoparse cunha entrada e saída dun garaxe. Tamén se lle deron indicacións sobre a rede de establecementos colaboradores co proxecto: locais comerciais, hostaleiros ou pequenos negocios que estarán debidamente identificados cuns adhesivos do programa e a onde os cativos poden dirixirse cando vaian ao colexio solos ou sen adultos que os acompañen e precisen resolver calquera incidencia. 

Porque este é o obxectivo: que aprendan a desprazarse solos e de forma segura, primeiro en rutas tan frecuentadas por eles como as de ida e regreso do colexio e logo, a outras actividades habituais. As actividades desenvoltas continuaron nas aulas coa realización de dous obradoiros: A árbore da vida, na que traballaron os valores sobre a mobilidade sostible e a seguridade viaria, e a denominada ‘Detectives da mobilidade’, un percorrido polos camiños que discorren ao redor do complexo educativo.