A Escola Infantil Municipal cubre 137 prazas para o vindeiro curso

A Xunta de Goberno aprobou este martes a listaxe provisional de alumnado admitido ▶ Ábrese o prazo de 10 días para alegar e para que as familias requiridas completen a documentación

Un aula del Colegio SEK-Atlántico. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alumnado nunha aula. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vilagarcía aprobou na reunión deste martes a listaxe provisional de nenos e nenas admitidos na Escola Infantil Municipal para o vindeiro curso escolar 2023/24. Polo de agora, son 137 alumnos e alumnas os que obteñen praza (55 de nova admisión e 82 que renovan) e quedan pendentes de confirmar outros 14 cuxas familias deben completar a documentación que lles falta máis 8 que reservaron praza para crianzas que nacerán nos vindeiros meses. A lista publícase este martes e os interesados dispoñen de prazo ata o 13 de maio para alegar ou subsanar a falla de documentación. Tras este prazo e resoltos os expedientes, publicarase a lista definitiva.

Por grupo de idades, o alumnado máis numeroso correspóndese co de 2 a 3 anos de idade, con 70 alumnos (máis outros 3 pendentes de documentación), seguido do de 1 a 2 anos, con 59 (máis 10 en espera de completar a documentación). O grupo de bebés, o de 0 a 1 ano, conta con 8 alumnos admitidos, máis 1 pendente da documentación e 8 que aínda non naceron. Nestes últimos, os que nazan antes do 10 de xuño terán que completar o trámite antes desa data para poder dispor de praza cando comece o curso no mes de setembro.

A lista provisional de admitidos pode consultarse no taboleiro de anuncios da web municipal  e na sede electrónica.