Vilagarcía pide á Xunta que "execute os fondos europeos que tanto criticou" para o saneamento

O Groberno local pediu "rigor" tras a visita da conselleira de Infraestruturas e asegurou que o saneamento "é unha débeda histórica coa cidade e é competencia autonómica", mentres que "a depuradora non está pendente dun informe municipal, senón de Costas"

Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Un día despois da visita da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a Vilagarcía, o Goberno local saíu ao paso das súas declaracións advertindo "críticas veladas ou directas ao Concello" polo que, asegurou, "O Goberno municipal non pode menos que pedir un mínimo de rigor e, sobre todo, que a Xunta deixe de marear á propia cidadanía e execute os fondos europeos que tanto criticou. Uns fondos que logrou o Goberno central malia as trabas que puxo o Partido Popular, o mesmo que agora os disfraza de investimentos propios", criticaron.

Neste sentido, o Goberno que dirixe Alberto Varela subliñou, en primeiro lugar, que o saneamento do río e da ría "non é competencia municipal senón autonómica. Que sentido tería entón Augas de Galicia", manifestou, engadindo que, "de feito, foi en 2013, cun goberno do PP na cidade, cando o entón conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, tamén do PP, presentara o plan de saneamento que agora comeza a executarse, dez anos despois, e non con fondos propios, senón da Unión Europea". Ademais, manifestaron que "a ampliación da depuradora non está pendente de ningún informe municipal, senón de Costas".

Segundo o Goberno de Varela, "algo similar ocorre co centro de saúde, que tamén se executará con fondos europeos. En ambos casos trátase dunha débeda histórica do Goberno autonómico. E outra vez, vólvese a tratar de confundir á cidadanía. A día de hoxe, o Concello segue sen recibir o proxecto definitivo, documento esencial para realizar o demandado informe de mobilidade". Segundo o Goberno local, "o informe previo da Policía Local xa foi favorable, e chama a atención que para a Xunta o cruce do Ramal pode ser un problema para chegar á antiga comandancia, en cambio non para facelo ao ambulatorio de San Roque". Ademais, menifestaron, "resultaría paradoxal que a Xunta se embarcara neste proxecto millonario de fondos europeos sen unha mínima seguridade de que é viable, incluso dende o punto de vista da mobilidade. Que deixen de marear. Non se pode votar a favor, en contra, absterse e, por riba, tratar de dilatar. Os fondos europeos teñen uns prazos que cumprir", afearon.

TRÁFICO EN ROSALÍA DE CASTRO. Con respecto ao tráfico pesado pola avenida de Rosalía de Castro, dende o Concello aclararon que a petición de que se restrinxa é "unánime do pleno, incluído o PP, e segundo, cando cun Goberno socialista na Xunta e no Estado se fixeron as dúas circunvalacións, a unha se lle chamou 'de acceso ao porto' e foi por algo. Ao respecto, ao Goberno local gustaría saber quen é o interlocutor válido, se o PP de Santiago, o PP da Autoridade Portuaria ou o PP local, este, polo visto, con pouco peso", manifestaron.

Por último, e con relación á estación de autobuses, dende o executivo local "convídase á conselleira a repasar a súa propia hemeroteca sobre a resposta ás demandas locais arredor da intermodalidade. E que non se preocupe: a vella estación pode cedela ao concello mañá mesmo, sabemos perfectamente que facer con ese espazo. Pode estar tranquila, garantimos que o edificio terá máis uso do que lle deu a Xunta nos últimos anos", concluíu o executivo de Varela.