Vilagarcía percibirá 285.948 euros para a contratación de 30 persoas no Plan Concellos

Estes recursos permiten aos entes locais "desenvolver actividades fundamentais" con persoal para algúns dos servizos municipais
Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde a dez novas achegas da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos 2023 por importe de 2 millóns de euros, que beneficiarán aos concellos de Fornelos, Lalín, Poio, Vilagarcía, Redondela, Silleda, Campo Lameiro, O Porriño, Arbo e  A Estrada e que permitirán contratar a un total de  176 persoas. Estes novos recursos, como subliñou a presidenta, Carmela Silva, permitirán aos concellos “desenvolver actividades fundamentais” con persoal para os servizos municipais de limpeza, coidado de xardíns ou obras públicas, aínda que tamén se buscan outros perfís como persoas guías turísticas, técnicos/as economistas, historiadores/as de Arte ou auxiliares de enfermería.

Na comarca de Pontevedra, o Concello de Poio contará cunha achega de 233.986€ para contratar 23 persoas e Campo Lameiro recibirá 86.553€, cos que poderá empregar a 10 traballadores/as. Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou para Vilagarcía, na comarca do Salnés, unha achega de 285.948€, que lle permitirá contratar a 30 persoas e, na comarca do Condado, o Concello de Arbo recibirá 99.873€ para empregar a 9 traballadores/as.