Os técnicos recalculan o orzamento da reforma do pavillón de Fontecarmoa

A obra, axustada á alza dos prezos, volverá a saír a licitación de inmediato, tan pronto como se dispoña do novo presuposto, igual que aconteceu co proxecto do skate park ▶ A intención do goberno é axilizar ao máximo o procedemento para que a obra poida comezar o antes posible

Pabellón Municipal de Fontecarmoa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Pabellón Municipal de Fontecarmoa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Como xa acontecera co proxecto do skate park do Cavadelo, o incremento xeneralizado e constante de prezos que se ven rexistrando no último ano foi a razón pola que a licitación da obra de reforma integral do pavillón número 1 de Fontecarmoa quedase deserta ao non terse presentado ningunha empresa. Como tamén se fixo no caso do skate (ao que en segunda convocatoria concorreron dúas empresas), os servizos técnicos do Concello xa está recalculando o orzamento para axustalo aos prezos actuais dos materiais da construción co obxectivo de volver a sacar a contratación a esperada obra no menor tempo posible. O executivo local axilizará ao máximo o procedemento para que os traballos, que teñen un prazo de execución de 7 meses, poidan comezar canto antes.

O proxecto da reforma integral do pavillón número 1 de Fontecarmoa estaba presupostada en 1.703.874 euros que se financiarán maioritariamente con fondos municipais, xa que o Concello aporta 1.353.874 euros, mentres que a Secretaría Xeral para o Deporte achega 350.000. Ademais de recalcular o presuposto tras a escalada dos prezos, o Concello tamén está traballando xa nas vías para financiar o sobre custe, de xeito que tan pronto se teña concretado a cifra, poida continuar o trámite coa nova licitación.

A reforma integral do pavillón de Fontecarmoa é unha obra gran envergadura que inclúe a reparación da estrutura, a substitución da cuberta, a mellora de envolventes e o acondicionamento interior do pavillón, así como a instalación de sistemas de enerxía fotovoltaica, a renovación da instalación eléctrica e a de climatización.

O proxecto resolverá todas as carencias e deficiencias que presentan actualmente as instalacións construídas hai máis de 40 anos, especialmente en materia de humidade e condensación, que dificultan a práctica deportiva. Así, aparte da estrutura e instalacións, tamén se renovará a zona de vestiarios, aseos e o perímetro da cancha; e as novas instalacións fotovoltaica, eléctrica e de climatización permitirán que o renovado pavillón cumpra os compromisos da Axenda 20-21 e suba catro niveis na escala de eficiencia enerxética, pasando a situarse na categoría "A".