Vilagarcía mantén as tarifas do parking Xoán XXIII, pero estuda bonificacións

Unha das primeiras medidas que barallan dende o Consistorio é facer gratuíta a primeira hora de uso, así como chegar a acordos cos comerciantes e hosteleiros de Zona Aberta
Parking Xoán XXIII en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Parking Xoán XXIII en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Xunta de Goberno de Vilagarcía acordou onte manter as tarifas vixentes no parking Xoán XXIII, unha vez que o Concello asuma a súa titularidade e xestión a partir do vindeiro día 25, data na que, coa presenza dos representantes legais de Proinsa, asinarase a acta da recepción da infraestrutura.

A pesar disto, aclararon dende o Goberno local, manter as tarifas é unha medida provisional, posto que o Concello procederá a revisalas no sucesivo, co obxectivo de introducir novas bonificacións que animen a veciños e visitantes a utilizar o aparcamento público.

Neste sentido, unha das primeiras medidas que barallan dende o Consistorio é facer gratuíta a primeira hora de uso, así como chegar a acordos cos comerciantes e hosteleiros de Zona Aberta, para favorecer o consumo nos seus locais.

Sen embargo, aclararon dende o Concello, para establecer estas medidas "hai que ter en conta aspectos administrativos e técnicos, de aí a necesidade de ratificar os prezos mentres se estudan fórmulas complementarias".

Na actualidade o prezo por minuto é de 0,0183 euros e a tarifa máxima por día de estancia, de 13,15 euros, ademais de diferentes bonos por varios días. O aparcamento conta con 242 prazas en tres plantas, e a intención do Goberno de Alberto Varela é que o aparcamento teña máis movemento, "pensando menos no rendemento económico e máis no social".