A concesionaria deberá asumir as deficiencias do parking Xoán XXIII

O acto formal de reversión está previsto para o día 25, momento no que o Concello farase cargo da xestión das instalacións
Entrada do parking Xoán XXIII en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Entrada do parking Xoán XXIII en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Un perito visitou na mañá deste luns as instalacións do parking de Xoán XXIII nun paso máis de cara á definitiva recuperación das instalacións e do negocio. O informe técnico ten por obxecto establecer se o aparcamento cumpre as condicións de entrega establecidas no prego de condicións aprobado no seu día. No ditame detallaranse todas as deficiencias que presenta o inmoble e as súas instalacións, coa correspondente valoración económica para a súa reparación. O documento será trasladado aos representantes legais de Proinsa, a empresa concesionaria, o vindeiro mércores, día 6.

De acordo co calendario aprobado no pleno, o acto de toma de posesión das instalacións e servizos do aparcamento desenvolverase o luns 25 de marzo. No caso, máis que probable, de que para entón a empresa non tivera feitas as reparacións dos desperfectos, farase constar como reparo na acta de recepción, pero iso non impedirá que o procedemento siga adiante. Por tanto, a partir dese día, Ravella farase cargo do inmoble e do negocio, o que implica que dende ese momento todos os ingresos que produza o parking deberán ser depositados nunha conta municipal. Igualmente, o persoal será subrogado á administración municipal.

Para o día 25, os representantes legais de Proinsa deberán aportar os contratos de subministro (auga, electricidade) e de saneamento, programas informáticos, etcétera, e, obviamente, todos os contratos laborais, con copia de todas as nóminas e as súas liquidacións á Seguridade Social nos últimos doce meses.

Na inspección deste luns, tal e como explican dende o Goberno local, quedaron en evidencia os problemas de humidades, que son maiores canto máis se baixa, e tamén de falla de mantemento das instalacións, como é o caso do sistema de ventilación ou das escaleiras que comunican os distintos andares. O informe técnico será exhaustivo en canto ao estado de cada unha das plantas e sobre as necesidades de reparación para cada elemento. De acordo co prego de condicións que serviu de base para adxudicación do aparcamento en xullo de 2002, a concesionaria deberá facer entrega do inmoble e as súas instalacións "en perfecto estado de conservación e mantemento".

Unha vez revertido o inmoble e as súas instalacións, que é o previsto para o luns 25, será cando se incoe e tramite o procedemento de liquidación de contrato e determinación dos efectos de resolución do mesmo. Será, pois, o momento no que as dúas partes deberán chegar a un acordo -de xeito contrario, o asunto tería que ser dirimido nos xulgados- sobre os custes da recuperación da concesión. Pero, en calquera caso, iso non interferirá no que será un feito dentro de tres semanas: a reversión do parking e a súa xestión por parte do Concello de Vilagarcía.

O aparcamento ocupa unha superficie de 9.269 metros cadrados, incluídos nesta cantidade os 2.316 da praza pública e os seus accesos. O inmoble ten tres sotos, de 2.300 metros cada un, que dan 242 prazas de aparcamento (80+80+82).