Vilagarcía mantén a Festa da Toma de Uvas na praza de Ravella

O Concello prescindirá únicamente de parte dos espectáculos que non se poden desenvolver ao aire libre por mor da climatoloxía, e agarda un éxito de asistencia
A praza de Ravella será o escenario da celebración. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A praza de Ravella será o escenario da celebración. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Festa da Toma das Uvas plantará cara á choiva e manterá a celebración prevista para o mediodía do sábado na Praza de Ravella de Vilagarcía. Despois de dous anos sen poder despedir o ano ante o reloxo do Concello debido ás restricións impostas pola pandemia, as predicións meteorolóxicas non serán quen de impedir que os vilagarciáns se reúnan ante o consistorio para tomar as doce uvas e brindar en comunidade polo novo ano que entrará, xa de forma oficial, á medianoite. A Concellería de Xuventude decidiu manter a festa, prescindindo únicamente dos espectáculos de acrobacias de Pablo Méndez e do miniconcerto do grupo Galifunk Brass. Polo tanto, haberá reparto de uvas e bebidas e tamén música de ambiente e un speaker animando o evento dende ás 11.15 horas e ata ben pasado o mediodía.

Este non sería o primeiro ano que a Festa das Uvas de Vilagarcía se celebra de forma masiva baixo o paraugas. Por iso, aínda que chova, o Concello agarda que a xente acuda a celebración, para poder recuperar esta tradición. En todo caso, aquelas persoas que prefiran quedar na casa ou que non se atopen en Vilagarcía o sábado, poderán igualmente participar no evento seguindo a retransmisión en directo que se realizará a través das redes sociais do Concello.

A celebración comezará sobre ás 11.15 horas coa animación musical e o speaker, e a partir desa hora tamén comezará o reparto gratuíto das bolsas coas 12 uvas ou 12 gominolas e as copas de cava e os refrescos para o brindis final.

Cortes de tráfico

Con motivo da celebración da festa, o tramo da avenida Juan Carlos I que pasa por diante de Ravella converterase por unhas horas en zona peonil. Para elo, a Policía Local cortará o tráfico a partir das 11 horas e sinalizará os desvíos nas principais encrucilladas da cidade.

No Ramal reconducirase todo o tráfico cara Rivero de Aguilar ou Moreira Casal (estación, autobuses, Os Duráns e A Torre), en Santa Lucía con Rosalía de Castro, a dirección obrigatoria será cara o Ramal e nos cruces de Moreira Casal con Ramal e con Vila Janer, permitirase a circulación só de turismo e en dirección Estación Autobuses, Aparcamento Xoán XXIII, Os Duráns e A Torre.

Na confluencia de Rosalía de Castro con Colón desviarase o tráfico cara Carril ou Avenida da Mariña, en San Roque, á altura da Casa da Xuventude, desviarase o paso camións e vehículos pesados que deberán dar a volta na gasolineira ou coller por Santa Eulalia, no cruce de Juan Carlos I coa rúa Marxión, o tráfico reconducirase cara as rúas Nartallo e San Roque, en López Ballesteros, Piñeiro López e Xoán XIII deixaranse pasar só turismos cara o aparcamento de Juan XXIII, o resto terá que dar a volta na glorieta. Este tramo de Ravella entre López Ballesteros e Juan Carlos I estará pechado dende as 07:00 horas. Ademais, en Juan Carlos I e Praza de Ravella (Bar Campos) colocaranse barreiras desviando por detrás do Concello o tráfico residual (só acceso a garaxes e para turismos).

Sinalizaranse reservas de estacionamento nas prazas de Ravella e Juan XXIII, que deberán quedar baleiras a partir das 06:00 horas. En condicións normais os peches de tráfico manteríanse ata as 14.00 horas aproximadamente, aínda que coa choiva pode que a celebración remate antes e a circulación tamén se restableza antes.

O autocine, pendente do vento

Por outro lado, a Concellería de Xuventude mantén a sesión de autocine prevista para maña tarde no aparcamento traseiro de Fexdega. A actividade só se suspendería en caso de que se rexistren ventos de certa intensidade que puideran tirar a pantalla. Neste último caso, a proxección aprazaríase para unha nova data a concretar. A película prevista para a sesión de mañá é "Clifford, el gran perro rojo". O autocine é unha actividade de balde á que soamente é necesario reservar praza a través da plataforma vivetix.