Vilagarcía inviste máis de 200.000 euros na mellora do acceso ao Piñeiriño

Trátase da rúa Wenceslao Fernández Flórez, na que se procederá a unha ampliación do ancho do vial e será dotada de beirarrúas
Imaxe da reunión entre o Goberno local de Vilagarcía e os colectivos e asociacións de Sobradelo. DS
photo_camera Imaxe da reunión entre o Goberno local de Vilagarcía e os colectivos e asociacións de Sobradelo. DS

Unha das máis vellas demandas dos residentes do barrio do Piñeiriño e mesmo dos usuarios dos centros educativos e do complexo polideportivo de Fontecarmoa, está xa en vías de solución: o acondicionamento do acceso á zona a través da rúa de Wenceslao González Flórez. O goberno de Alberto Varela decidiu incluír esta obra no Plan +Provincia, que substitúe ao anterior Plan Concellos, da Deputación Provincial.

O proxecto xa está redactado e valorado en 214.000 euros para un vial de pouco máis de 130 metros lineais e unha superficie aproximada de mil metros cadrados. A actuación contempla o retranqueo dun poste telefónico que dificulta a manobra de entrada no vial e tamén dun muro. Deste xeito, o renovado acceso ao Piñeiriño terá un ancho mínimo de 5 metros en dirección única e con beirarrúas, algo do que ata agora carece. Ao respecto, o goberno municipal agradece a cesión de terreos que fixeron algúns propietarios; aínda que non se trata dunha gran superficie, o salientable é que hai quen renuncia a parte do seu para beneficiar a todos. Como vén sendo habitual en todas as obras do concello, case tan importante como o que se vai ver, vai ser o no que non se ve, posto que o proxecto contempla a renovación total das redes de servicios. O prazo de execución será de catro meses.

A iniciativa foi presentada este venres polo alcalde, Alberto Varela, aos representantes da Asociación de Veciños, da de Mulleres Rurais, da Cultural "Nós" e da Coral Polifónica, é dicir, as principais entidades sociais da parroquia. Na mesma reunión participaron a tenente de alcalde Tania García, a concelleira de Cultura, Sonia Outón, e o arquitecto municipal e o xefe de obras.

Na mesma cita, goberno e colectivos estudaron outros temas de candente actualidade en Sobradelo. Por unha banda, o arranxo do centro sociocultural, no que, como xa se anunciou, están adxudicadas as obras de mellora por valor de 17.000 euros, con especial atención á cuberta, para evitar filtracións, ademais da impermeabilización da terraza, o reacondicionamento da cheminea e o pintado interior e exterior de todo o edificio. Na xuntanza, o arquitecto municipal aclarou aos veciños que a pretendida ampliación do centro non é posible neste momento pola propia cualificación urbanística do terreo sobre o que habería que actuar.

Por último, abordouse o traslado dun transformador eléctrico, fundamental para poder ampliar o campo da festa. Neste sentido, o goberno de Varela explicou aos colectivos que a proposta consensuada cos veciños segue adiante. Naturgy xa fixo unha proposta técnica para o reemprazamento da instalación, de xeito que xa se sabe que o traslado non só e posible tecnicamente senón que ten o prace da compañía subministradora. Esa nova situación esixe, sen embargo, unha negociación cos propietarios afectados para a cesión dos terreos e iso será obxecto da seguinte fase neste proxecto.