Vilagarcía incrementa nun 13,1% o número de turistas nos meses de verán

A Mancomunidade do Salnés facilitou o análise dos datos a través dun estudo realizado por Big Data para os meses de xullo, agosto e setembro
Ramón Guinarte, Alberto Varela e Álvaro Carou foron os encargados de facilitar os datos do turismo en verán de VIlagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Ramón Guinarte, Alberto Varela e Álvaro Carou durante a presentación dos datos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía informou este mércores do análise do turismo no municipio durante os meses de xullo, agosto e setembro de 2023. Fíxoo grazas á ferramenta do Big Data da Mancomunidade do Salnés, que permite obter datos moi precisos, o que facilita ás administracións a toma de decisións en función dos datos obtidos. 

O alcalde, Alberto Varela, o xerente da Mancomunidade do Salnés, Ramón Guinarte, e o concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, foron os encargados de diseccionar os datos.
Comezou o rexedor agradecendo á Mancomunidade por "trascender a determinados localismos" e estar facendo unha "promoción conxunta" de toda a comarca, "que á vez é a zona turística máis importante da nosa comunidade". 

No periodo estival, Vilagarcía aumentou nun 10,4% o número total de visitantes (persoas que visitan) durante os meses de xullo, agosto e setembro, chegando ao 466.825, o que supón 43.791 máis que no mesmo periodo do ano anterior. En canto aos turistas (presoas que pernoctan), o municipio arousán experimentou un incremento do 13,1%, chegando aos 75.899, uns 8.767 máis que en 2022.

O alcalde valorou os datos como "moi bos", advirtindo que non se poden "dormir nos laureis e temos que seguir traballando", se ven sinalou que os datos poderían ser mellores se "a Xunta abrira o Albergue de Peregrinos de Carril".

Datos por meses

O xerente da Mancomunidade foi o encargado de explicar de xeito máis detallado os datos por meses. En xullo, Vilagarcía incrementou os seus visitantes nun 11% e os turistas nun 20%. No que respecta aos lugares de procedencia dos visitantes, a nivel nacional a provincia de Pontevedra (47%) lidera a lista moi por riba de A Coruña (27%), que é segunda. En canto aos visitantes internacionais, a maior afluencia de xente ven de Portugal (20%), seguido de Francia (17%) e Alemaña (16%).

Prácticamente mesma dinámica no que se refiera ao número de turistas segundo a súa procedencia, pois a nivel nacional lidera Pontevedra (26%), con A Coruña esta vez máis preto (24%), seguida de Madrid (16%). Portugal (17%) volveu a ser a orixe predominante dos turistas, con Francia (15%) e Alemania (15%) completando o podio. O pico tanto de turistas como de visitantes coincidiu no mes de xullo coa celebración do Atlantic Fest os días 22 e 23.

No mes de agosto a tendencia foi similar, cun crecemento dun 12% no número de visitantes, e un 5% no de turistas. Pontevedra seguiu liderando a lista de provincias de orixe dos visitantes, se ven no apartado de turistas A Coruña gañou terreo e ocupou o primeiro posto. Francia tomou o sorpaso tanto de visitantes coma de turistas, por diante de Portugal. De novo, o pico de xente que acudiu a Vilagarcía neste mes coincidiu cunha festividade, neste caso coa Festa da Auga de San Roque, o día 16 de agosto, no que se rexistraron máis de 40.000 visitantes e 11.000 turistas, moi por riba da capacidade da vila.

No derradeiro mes do verán, setembro, o incremento foi maior en canto aos turistas, pois dende o ano 2022 creceu un 17%, chegando á cifra de 19.105. Os visitantes tamén medraron ata os 122.870, o que se traduce nun incremento do 7% co mesmo periodo do ano anterior. A xornada do 9 de setembro das Revenidas acolleu o maior número tanto de visitantes como de turistas do mes, que na súa maioría chegaron procedentes de Pontevedra a nivel nacional, e de Alemaña e Portugal a nivel internacional.

Cos datos expostos, e vendo os excelentes resultados acadados, Guinarte afirmou que o obxectivo agora é "que o turismo medre fora do verán". Ademais, salientou o significado de que fai vinte anos, había dous concellos que aglutinaban a meirande parte dos turistas comarcais (Sanxenxo e O Grove), e que agora esas cifras están moito máis repartidas entre os nove concellos do Salnés.

Rematou a comparecencia Álvaro Carou, agradecendo á Mancomunidade xa que "grazas ao Big Data podemos contabilizar mellor e saber onde temos que traballar e que puntos fortalecer", aínda que cautos xa que o obxectivo é "non superar o numero de camas comarcais dispoñibles".