Touriñán e Perdomo repetirán función en Vilagarcía tralo éxito de venta de entradas

Será o mesmo día, o venres 20 de outubro, ás 23.00 horas, no auditorio, coa obra Corentena

Corentena, de Xosé A. Touriñán e David Perdomo. DS
photo_camera Corentena, de Xosé A. Touriñán e David Perdomo. DS

O éxito de público da representación de Corentena, a nova aposta teatral de Xosé A. Touriñán e David Perdomo, está garantido antes de levantar o pano: a sesión das nove da noite do venres 20 de outubro, no auditorio de Vilagarcía, ten practicamente todas as entradas esgotadas. Esta é a razón pola que os dous coñecidos cómicos acaban de anunciar que ofrecerán unha segunda función, o mesmo día, ás 23.00 horas. As entradas xa están dispoñibles en Ataquilla e cos mesmos prezos: 18, 15 e 12 euros, segundo a zona escollida no patio de butacas, máis gastos de xestión.

A proposta teatral de Touriñán e Perdomo ten a súa orixe nos tempos do confinamento en 2020, a causa da pandemia de covid. Naqueles momentos de incertidume, un e outro comezaron a conversar en directo a través de Instagram, improvisando diferentes personaxes e interactuando cos espectadores que se conectaban a estes vídeos en directo. Pasado o tempo, e baixo o título de "Corentena", esas conversas saltan aos teatros nun formato no que Touriñán e Perdomo pretenden pasalo tan ben ou mellor que o público.