Vilagarcía celebrará con Santiago o 150 aniversario da primeira liña de ferrocarril

Ambas localidades compartirán unha exposición sobre a creación do tramo entre as estacións de Cornes e Carril, e en Vilagarcía reinaugurarase o Mufevi
Museo do Ferrocarril de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Museo do Ferrocarril de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A inauguración da primeira liña ferroviaria en territorio galego cumpre mañá 150 anos, reivindicándose coma un feito clave para o desenvolvemento económico e demográfico da comunidade. Esta primeira liña unía as estacións de Cornes (Santiago) e Carril (Vilagarcía) e, por iso, con motivo desta data, os concellos de Vilagarcía e Santiago de Compostela organizan conxuntamente unha serie de actos conmemorativos sobre un fito que marcou tamén o futuro da localidade carrilexa e, por extensión, de toda Vilagarcía e a súa contorna. Trátase dunha exposición itinerante, conferencias e a reinauguración do Museo do Ferrocarril de Vilagarcía (Mufevi), actos que se desenvolverán nas vindeiras semanas e que contarán con representación institucional das dúas cidades. 

O programa comezará este venres, 15 de setembro, en Cornes con representación institucional do Concello de Vilagarcía coa inauguración da exposición sobre a construción da primeira liña ferroviaria galega, o contexto histórico e social no que se desenvolveu e a repercusión que tivo a chegada do tren e a conexión do tráfico de mercadorías por terra e mar. Comisariada por Carlos Abellán, expresidente da Fundación de Ferrocarriles Españoles, ex director do Museo de Ferrocarril de Madrid e actual presidente da Asociación Compostelana Amigos del Ferrocarril, a mostra chegará a Carril o vindeiro 18 de outubro.

Nesa mesma xornada, en Vilagarcía tamén se celebrará unha conferencia sobre o tema. Estas dúas actividades serán o paso previo á agardada reinauguración do Mufevi, que terá lugar o día 21 e que contará coa presenza do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

Os traballos para a reapertura do centro museístico na antiga estación ferroviaria de Carril, na que remataba a primeira liña do trazado ferroviario de Galicia, están practicamente rematados á espera de ultimar o acondicio namento do exterior do inmoble. A reformulación dos contidos do museo está executada a través do proxecto elaborado pola firma Trivium Estratexias en Cultura e Turismo S.L. cun orzamento de 48.200 euros, e a actuación permitiu actualizar e ampliar os contidos, modernizándoos e dotándoos de maior atractivo, accesibilidade e comodidade para todas as persoas que visiten a infraestrutura cultural.

Tamén se reorganizaron os espazos expositivos nos distintos andares e redistribuíronse os materiais e maquetas existentes. Nos vindeiros días procederase a pintar a fachada do edificio, que recuperará a cor branca orixinal que tiña a antiga estación de Carril, e procederase á instalación da antiga ‘aguada’ cedida pola Fundación de Ferrocarriles Españoles.

Este guindastre hidráulico, que estivo en uso entre 1945 e 1960, utilizábase para abastecer de auga as antigas locomotoras de vapor e colocarase na e xplanada de acceso ao Mufevi.