Vilagarcía afondará no coñecemento do pioneiro do cinema Galego José Gil

Proxeccións de cine, a exposición do Cinemóbil, a presentación dunha biografía do director de As Neves e o concerto da Banda de Música compoñen o programa
Imaxe do Cinemóbil 3 de José Gil. DS
photo_camera Imaxe do Cinemóbil 3 de José Gil. DS

Vilagarcía acolle a vindeira semana dúas xornadas dedicadas a descubrir e afondar no coñecemento da vida e da obra de Jesús Gil, pioneiro do cine galego. Proxeccións, unha exposición itinerante e a presentación dun libro biográfico porán en relevo a figura e a importante labor que o fotógrafo, director e produtor de cine desenvolveu a favor do sétimo arte e do seu fomento en Galicia. As actividades, abertas ao público, desenvolveranse o xoves 30 de novembro e o sábado 2 de decembro.

José Gil, pioneiro do cine en Galicia é o título do programa promovido pola Deputación de Pontevedra e en cuxo desenvolvemento colabora o Concello de Vilagarcía. Fotógrafo, camarógrafo, produtor e director de cine, entre os moitos méritos cos que conta este pontevedrés están o de ser a primeira persoa en filmar películas de ficción de Galicia. De feito, a súa obra componse de 150 títulos, case todos do xénero documental e nomeadamente realizados no sur da comunidade. Tamén é o responsable de gravar as primeiras imaxes en movemento de Galicia que se proxectaron en América, así como de crear os primeiros noticiarios sobre Galicia para proxectar nas salas de cine. Ademais, Gil fundou as tres primeiras produt oras da historia do cine e a primeira filmoteca privada da comunidade e inventou o Automotor Cine Patentado e o Cinemóvil Reclame.

Para divulgar estes e outros interesantes episodios da historia de Gil e do cine en Galicia, a programación abrirase o xoves, 30 de novembro, xornada dedicada aos centros educativos. Durante toda a mañá realizaranse proxeccións no Auditorio e o alumnado poderá visitar a exposición montada recreando o camión do Cinemóbil de Gil.

Os actos continuarán o sábado, 2 de decembro, xa con actividades abertas a todo tipo de público. A mostra poderá visitarse na Praza da II República entre as 10 e as 13 horas e pola tarde de 17 a 20 horas. Na sala de conferencias do Auditorio presentarase ás 12 do mediodía o libro Nos días encantados de agosto, unha biografía de José Gil escrita por Manolo González e publicada pola editorial Galaxia, que vén de acadar o Premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio 2023.

O punto festivo porao a Banda de Música de Vilagarcía que ofrecerá unha sesión vermú ás 13.00 horas na sala principal do Auditorio. E os actos do día pecharanse coas proxeccións gratuítas a celebrar de 20.00 a 21.30 horas nas mesmas instalacións culturais.