Varela traslada ao ministro de Xustiza a necesidade de crear un cuarto xulgado

O rexedor mantivo un encontro con Félix Bolaños no marco da Convención Política que o PSOE celebrou esta fin de semana en A Coruña
Alberto Varela e o ministro Félix Bolaños na convención de A Coruña. DS
photo_camera Alberto Varela e o ministro Félix Bolaños na convención de A Coruña. DS

O ministro de Xustiza, Félix Bolaños, comprometeuse a estudar a creación do cuarto xulgado en Vilagarcía na próxima reunión na que se decidirá a posta en marcha de novos servizos xudiciais no territorio estatal en base ás propostas remitidas polas respectivas administracións autonómicas do Estado, neste caso, pola Xunta. Este compromiso foi o resultado do encontro que o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, mantivo co responsable ministerial esta fin de semana aproveitando a coincidencia de ambos na Convención Política que os socialistas celebraron en A Coruña.

Varela Paz expúxolle ao ministro a necesidade obxectiva de crear esta nova sala de instrución para poder axilizar a resolución dos procedementos xudiciais abertos en Vilagarcía e no resto dos municipios integrados no seu partido xudicial. O rexedor explicou o colapso que sofren os tres xulgados en activo e a excesiva carga de traballo que soporta o persoal dos mesmos, asuntos postos de manifesto en numerosos ocasións a través de reivindicacións dos propios profesionais, de sindicatos e de partidos políticos como o dos socialistas, a maiores como o acordo adoptado polo Pleno de Vilagarcía xa no ano 2010 demandando aos organismos competentes (xunta inicialmente, e Estado en última instancia) a dar os pasos necesarios para a consecución deste obxectivo.

O rexedor tamén lle comentou a Bolaños que aínda que esta situación se arrastra dende hai máis dunha década, "o goberno da Xunta de Galicia, malia defender de cara á galería a necesidade, como fixo o propio Alfonso Rueda en 2011 dicindo incluso que era prioritaria, nunha chegou a dar os pasos precisos para que o cuarto xulgado puidera materializarse, ao non incluír ou relegar ao último posto a sala de Vilagarcía nas propostas que a Comisión Mixta de Xustiza traslada anualmente ao Estado, e sobre a que este decide".

Neste punto Varela advirte de que para que o Estado poida dar luz verde á cuarta sala de Vilagarcía, previamente a Xunta, ademais de incluíla na súa proposta de necesidades, terá que darlle a máxima prioridade".