O Xantar da Memoria recadará fondos para un novo panel da Ruta da Memoria

O colectivo de iniciativa cidadá recoñecerá ás persoas ou entidades que contribúan á divulgación da memoria e reparación das vítimas do franquismo coa creación dun premio. o Xantar da Memoria será o 3 de febreiro e terá un coste de 25 euros
O colectivo Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica presenta o seu Xantar da Memoria. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O colectivo Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica presenta o seu Xantar da Memoria. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O colectivo Iniciativa Cidadá de Memoria Democrática vilagarciá, organiza o seu encontro
anual coa base social que facilita o seu labor de divulgación da causa en favor das vítimas
do franquismo. Así, o sábado, 3 de febreiro, ás 14 horas está previsto o Xantar da
Memoria
que concentrará a máis de 150 persoas no Churrasco de Rubiáns, en
Vilagarcía, lugar habitual para esta cita.

O importe do menú, 25 euros, inclúe o custo da comida e unha pequena achega para facilitar a continuidade da colocación de paneis divulgativos cos que se ten configurada a Ruta local da Memoria Democrática, coa que, sinalan desde a asociación "contribúen á necesaria pedagoxía cívica en favor da lembranza das vítimas causadas polos verdugos represores nese concreto sitio da infamia ou nos seus arredores".

Lembran desde este colectivo que os catro paneis xa inaugurados ata agora (Os Martices, Loenzo, Estación en Carril de ADIF e no Cemiterio xeral) foron custeados exclusivamente polas achegas da cidadanía identificada coa causa do proxecto e "sen mediar en ningún dos casos subvención económica de recursos públicos", sosteñen.

Para recoñecer ás persoas ou entidades que contribúen á divulgación, iniciativa e promoción
da causa das vítimas, o colectivo acordou establecer un futuro premio de Memoria Democrática que con carácter anual se outorgará a partir da edición de 2025, "desbotando esta próxima cita coincidente coa campaña electoral, para non dar lugar a súa utilización e confiando en contar coa participación política plural comprometida coa Memoria Histórica", advirten desde a asociación.

Este colectivo que traballa arreo pola recuperación da Memoria e a reparación das vítimas do franquismo critica "o actual desleixo á hora de cumprir o mandato legal en relación á urxencia de acomodar o nome de rúas, prazas e lugares á Memoria Democrática"..