A Universidade de Compostela impartirá tres seminarios en Vilagarcía

O programa para maiores de 50 anos desenvolverase entre os días 17 e 28
Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os cursos para maiores de 50 anos que a Universidade de Santiago de Compostela organiza en colaboración co Concello de Vilagarcía, baixo o título Camiños do Coñecemento regresan en primavera ao Auditorio Municipal. 

O programa desenvolverase entre o 17 ao 28 e consistirá na impartición de tres seminarios de dúas xornadas cada un. As temáticas son Soidade non desexada, A carta xeográfica de Galicia de Domingo Fontán e Para que serven os insectos? 

A novidade deste ano é que se duplica o número de prazas, ata un total de 100. A asistencia é de balde, previa inscrición que se poderá realizar ata o 10 de abril. As prazas cubriranse segundo orde de inscrición.

DATAS. Os seminarios impartiranse na Sala de Conferencias, os días 17, 18, 25, 26, 27 e 28 abril en horario de tarde, de 16.30 a 18.00 horas. Os únicos requisitos para participar son residir en Vilagarcía ou en outro municipio do Salnés e comprometerse a asistir ás seis sesións. As persoas que completen a formación recibirán o correspondente diploma acreditativo.

A inscrición poderá realizarse presencialmente, no rexistro xeral do Concello (de 8.30 a 14.30 horas) ou telematicamente, a través da sede electrónica (sede.vilagarcia.gal), presentando debidamente cuberto o formulario específico que poden descargar do apartado de catálogo de procedementos propia sede. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Camiños do Coñecemento son unhas accións formativas organizadas pola USC destinadas a favorecer a democratización do coñecemento, potenciando e difundindo o coñecemento científico e artístico a toda a poboación maior de 50, de xeito que poidan continuar formándose e ampliando os seus estudos a través da propia universidade. O Concello de Vilagarcia colabora na iniciativa ao igual que co Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, implantado hai xa dous anos e que conta con sede permanente en Vilagarcía.