Tanxugueiras porán o broche final ao Acto Nacional dos Fondos Europeos en Vilagarcía

A gran festa pública celebrarase o 22 de setembro na Praza da II República como colofón á elección do mellor proxecto de España financiado cos programas da UE
(_LO_8788.JPG) SALNES Festival Revenidas Vilaxoan Concierto Tanxugueiras
photo_camera Tanxugueiras no festival Revenidas de 2022. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

As Tanxugueiras porán o broche de ouro ao Acto Nacional de Comunicación dos Fondos Europeos en España que se celebrará en Vilagarcía o vindeiro 22 de setembro. O innovador trío de cantareiras, finalista o ano pasado para representar a España en Eurovisión, actuará na celebración que terá lugar esa mesma xornada, a partir das 19.30 horas, na Praza da II República. Será unha gran festa aberta a todo o público que comezará cun espectáculo circense, con números de acrobacias e maxia, no que actuarán Desastronauts, Marta Sempre Arriba, Dani García e o colectivo urbano Vella Escola.

No evento porase en relevo a importancia da Unión Europea presentando os mellores proxectos españois desenvolvidos con fondos do espazo común, que rematar con Terra, o tema que estendeu a popularidade das Tanxugeiras máis alá de Galicia e que, ademais de defender a diversidade cultural e o valor da tradición e o autóctono, canta no seu retrouso o "non hai fronteiras", filosofía da propia UE.

O Acto Nacional de Comunicación dos Fondos Europeos en España sae por primeira vez de Madrid para celebrarse en Vilagarcía. Será todo un evento de promoción da cidade, xa que está prevista a asistencia de 300 persoas entre representantes do Goberno central, de autonomías, deputacións e de concellos de todo o territorio nacional.

Na xornada, que comezará pola mañá no Auditorio, daranse a coñecer os seis proxectos finalistas e procederase á selección do mellor. Tamén se instalarán dúas exposicións na Praza da II República. Unha para difundir as candidaturas que concorren ao concurso, e outra, de carácter local, centrada nos importantes investimentos desenvolvidos en Vilagarcía ao longo dos últimos anos con financiamento europeo e que contribuíron a mellorar a cidade.

Dado que un dos obxectivos desta iniciativa é facer partícipe á poboación do significado de pertencer a Unión Europea, no acto intervirán escolares do municipio que participarán nun quiz show e elaborarán un mural sobre os valores que se promoven dende ela.