A Sociedade Filarmónica homenaxea a Rachmaninov cun concerto da pianista Su Yeon Kim

A cita é o xoves 14 de decembro a partir das 20.30 horas no Auditorio ▶ As entradas para os non asociados véndense a 18 euros dende unha hora antes da función ▶ Os socios teñen acceso gratuíto

Su Yeon Kim. DS
photo_camera Su Yeon Kim. DS

A Sociedade Filarmónica de Vilagarcía celebra esta semana un novo concerto da súa tempada 2023/2024. Tratase dunha cita moi especial xa que é unha homenaxe ao compositor ruso Rachmaninov no marco da celebración dos 150 anos do seu nacemento. E para a ocasión, a SFV contará coa surcoreana, Su Yeon Kim, unha das pianistas noveis de maior proxección no plano internacional e que xa tocou hai uns anos en Vilagarcía. O concerto será o xoves, 14 de decembro, a partir das 20.30 horas, no Auditorio. A entrada é de balde para os socios e custa 18 euros para o resto do público. Os billetes poderán adquirirse ese mesmo día a partir das 19.30 horas.

Con tan só 29 anos de idade, Su Yeon Kim, conta xa cunha impresionante traxectoria profesional, sendo unha das pianistas xóvenes máis premiadas en prestixiosos certames internacionais dende os inicios da súa carreira. Graduada primero en Corea, tutelada despois por Paul Gulda, e finalmente formada con Pavel Gililov no Mozarteum de Salzburgo, gañou en 2021 o Primeiro Premio do Concurso Musical Internacional de Montreal e o segundo no Concurso Internacional Mozart de Salzburgo 2020.

A pianista abrirá o recital do xoves interpretando a Partita 3 en Mi BWV 1006 de J.S.Bach/ S. Rachmaninov, pasando logo a tocar as variacións do compositor ruso sobre un tema de Corelli op 42 e outros movementos musicais op 20 do homenaxeado.