Aberta a inscripción para que 60 rapaces e rapazas acompañen aos Reis Magos na Cabalgata

O prazo vai do 11 ao 19 de decembro. As prazas cubriranse por orde de chegada 
Salnes Vilagarcia de Arousa Cabalgata de Reyes
photo_camera Cabalgata de Reis en Vilagarcía o ano Pasado. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os nenos e nenas que desexen acompañar aos Reis Magos a bordo das carrozas da Cabalgata o próximo 5 de xaneiro poderán inscribirse dende o luns 11 ata o martes 19 de decembro. A participación é de balde e poderán gozar deste privilexio un total de 60 rapaces e rapazas de 7 a 15 anos de idade que, como único requisito, deberán ir vestidos con mallas, xerseis e calzado integramente negro. O resto da vestimenta de paxe real -a casaca e o tocado-, proporciónalla a Concellería de Cultura, como xa aconteceu o ano pasado co obxectivo de que a participación sexa máis doada e para ofrecer unha imaxe homoxénea e máis espectacular coa uniformidade.

Das 60 prazas dispoñibles, 24 resérvanse aos nenos e nenas de menor idade (de 7 e 9 anos), que serán os que se acomoden nas carrozas nas que viaxen Melchor, Gaspar e Baltasar. Os 36 paxes restantes (os de 10 a 15 anos) distribuiranse a bordo dos vehículos que transportan os agasallos.

Os interesados en participar deben inscribirse no prazo mencionado a través da sede electrónica do Concello ou no Rexistro Xeral, neste caso, de luns a venres, en horario de 8.30 a 14.30 horas. O formulario pode obterse na propia sede electrónica ou no taboleiro de anuncios da web municipal.

As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición. A listaxe de nenos e nenas admitidos publicarase a partir do día 22 de decembro na sede, na web municipal e tamén no taboleiro físico das dependencias Concellería de Cultura. En caso de producirse baixas, as vacantes iranse cubrindo pola orde da lista de agarda.

A multitudinaria comitiva que conforma cada ano a Cabalgata complétase coa participación dos centurións da garda real e as delegacións dos colexios e asociacións participantes, que acompañarán aos Reis Magos desfilando a pé ou a bordo do tren turístico.