O showcooking 'Segunda Volta' despídese este ano con receitas para as festas de Nadal

O espazo gastronómico da Praza de Abastos acollerá estas sesións. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Rolo de tenreira navideña e petiscos variados son algúns dos pratos que Xoanqui Ameixeiras cociñará en directo no espazo gastronómico da Praza de Abastos

O programa de cociña económica e de aproveitamento organizado pola Concellería de Promoción Económica e Mercados para dinamizar a Praza de Abastos despídese este ano con dúas sesións destinadas aos menús típicos das festas de Nadal. O popular cociñeiro Xoanqui Ameixeiras dedicará os showcookings dos xoves 15 e 29 de decembro a dar algunhas ideas sobre pratos que poder ofrecer nas ceas de Noiteboa e Fin de Ano baseándose nunha doada preparación, na utilización de produtos económicos e de tempada en un resultado moi saboroso. As sesións comezan as 11.30 horas no espazo gastronómico da Praza de Abastos, sita no primeiro andar do Mercado Municipal.

Para a sesión de mañá Xoanqui elaborará un Rulo de Tenreira de Nadal, un prato tradicional e moi popular, ao que introducirá variacións no recheo para darlle un toque máis festivo e diferente ao que temos habituado. Ese toque especial farase co recheo, no que usará produtos como o paté de pato, fungos, froitos secos, ou a cebola caramelizada entre outros. E como guarnición, unhas verduriñas á prancha das moitas das que se poden comprar na Praza ese día. Como ven facendo dende o inicio do programa, o cociñeiro poderá improvisar outro prato mediante o aproveitamento de sobras de días anteriores ou en base aos produtos de tempada dispoñibles no mercado vilagarciá.

E, a maiores do que se poida ir improvisando de cara a ese día, para a sesión do 29 de decembro, Ameixeiras ten previsto deleitar aos asistentes cunha selección de petiscos variados cos que abrir a cea de Fin de Ano.

As xornadas de cociña saudable e de aproveitamento Segunda Volta teñen como obxectivo dinamizar a Praza de Abastos á vez que promocionar a economía circular e a cociña económica e saudable. Para iso, todas as receitas se elaboran cos produtos de proximidade e de calidade que se ofertan na propia Praza, incidindo no aproveitamento das sobras duns pratos para elaborar outros, de xeito que todo se aproveite nesta "segunda volta". Trátase tamén nunha forma de facer cociña económica e saudable.