442 vilagarciáns beneficiaránse das axudas a estudantes universitarios e de ciclo superior

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a concesión das bolsas nas que se repartiron 78.000 euros
Estudiantes esperan para comenzar un examen de la Abau. ÁLVARO BALLESTEROS (EUROPA PRESS)
photo_camera Estudiantes esperan para comenzar un examen de la Abau. ÁLVARO BALLESTEROS (EUROPA PRESS)

O Concello de Vilagarcía destinou este ano 78.040 euros a bolsas de estudos tanto para os niveis superiores como para a Educación Infantil. A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a resolución da convocatoria das Axudas municipais a estudos universitarios e ciclos superiores e tamén ás Axudas municipais á escolarización, que este ano benefician a un total de 442 vilagarciáns. En ámbolos dous casos se concederon bolsas a todos os solicitantes que cumprían os requisitos especificados nas bases.

A liña máis importante é a destinada a universitarios e alumnos de ciclos superiores de F.P. que cursen estudos fora de Vilagarcía. A esta convocatoria presentáronse 193 solicitudes das que obtiveron a correspondente bolsa as 168 que cumprían todos os requisitos. Destas, 140 obteñen a contía máxima de 400 euros ao tratarse de estudos universitarios, mentres que 28 reciben os 200 euros establecidos para o resto das ensinanzas previstas na convocatoria. En total, o Concello destinou a esta medida de carácter social 61.600 euros.

No caso das axudas á escolarización, son 274 alumnos e alumnas de Educación Infantil (de 0 a 6 anos) matriculados en centros de ensino sostidos con fondos públicos e nas Escolas Infantís autorizadas de Vilagarcía de Arousa, os que obteñen a bolsa de 60 euros que ofrece o Concello de Vilagarcía para axudar ás familias a soportar os gastos da compra de material para o inicio do curso.

O Concello de Vilagarcía creou estas axudas de carácter social co obxectivo de facilitar o acceso á educación e garantir a igualdade de oportunidades dos vilagarciáns no que á formación e estudos se refire, de xeito que a situación económica familiar non sexa obstáculo para elo, dado o elevado custe que isto supón para as familias con economías con menores recursos, especialmente no que aos estudos superiores se refire. Por iso as bolsas concédense en base aos niveis de renda familiar e son compatibles con outras subvencións e axudas procedentes de organismos, institucións e persoas físicas ou xurídicas, de natureza pública, semipública ou privada.