A segunda edición do Foro Jacobus Pharm celébrase en Vilagarcía

O servizo de Farmacia da Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés organiza no Pazo Rial, do 18 ao 20 de abril, este evento, que analizará diversas actividades clave no eido da Farmacia Hospitalaria e o seu exercicio profesional
Pazo Rial. DS
photo_camera O foro terá lugar no Pazo Rial. DS

A segunda edición do foro Jacobus Pharm -espazo de reflexión para farmacéuticos residentes de Farmacia Hospitalaria- organizado polo Servizo de Farmacia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, celebraráse os vindeiros xoves 18, venres 19 e sábado 20 de abril no Pazo Rial de Vilagarcía de Arousa. Neste evento analizaránse diversas actividades clave no eido desta especialidade e o seu exercicio profesional, coma complemento da formación específica destes farmacéuticos residentes.

A programación docente do foro inclúe módulos e sesións temáticas nos que relatores e poñentes pertencentes a diversas Comunidades Autónomas do Sistema Nacional de Saúde e da Axencia Española do Medicamentos e Produtos Sanitarios –de Galicia, Andalucía, Asturias, Canarias, Cataluña, Castela e León, Madrid e Comunidade Valenciana- compartirán as súas experiencias e coñecementos cos farmacéuticos internos residentes participantes, xenerando espazos para a reflexión sobre cada temática tratada.

Segundo sinala o xefe de servizo de Farmacia da Área Sanitaria e presidente do Comité Organizador do foro Jacobus Pharm, o doutor Carlos Crespo Diz, “o nome de Jacobus fai referencia ao camiño de peregrinaxe que un profesional da asistencia sanitaria -e neste caso concreto da farmacia hospitalaria- ten que facer durante a súa etapa de especialización e, sobor de todo a posteriori desta etapa, cando en busca do seu desenvolvemento profesional require coñecementos de diversas áreas científicas en continua evolución”. 

Carlos Crespo Diz engade que “esta segunda edición incrementa os módulos de reflexión que se levaron a cabo o ano pasado, xa que os residentes participantes demandaron un maior tempo de formación para compartir cos seus referentes. Compártense coñecementos e experiencias entre farmacéuticos líderes de servizos de Farmacia e unidades de relevancia asistencial ou de investigación e innovación coa futura xeneración de coordinadores de Farmacia Hospitalaria do sistema nacional de saúde”.

Testemuñas e aportacións de novos farmacéuticos hospitalarios

O foro Jacobus Pharm tamén presentará durante os seus tres días de duración no Pazo Rial testemuñas e aportacións de novos farmacéuticos hospitalarios que remataron recentemente o seu período formativo especializado e que acadaron experiencias de éxito no seu desenvolvemento profesional e formativo. Deste xeito, os residentes en formación poderán reflexionar de primeira man sobre os distintos eidos do exercicio profesional con persoas que fai pouco tempo estaban na mesma etapa formativa que eles.

Carlos Crespo avoga pola realización de actividades formativas semellantes “pois existe unha carencia importante de espazos de reflexión deste tipo, nos que os participantes son os protagonistas. Cada un dos residentes participantes ten a palabra para compartir cos seus compañeiros e cos líderes referentes e os de recente éxito, as súas inquedanzas e obxectivos”