O renovado Museo do Ferrocarril reabre as súas portas o vindeiro mes

Os novos contidos poderanse visitar a partir do 4 de novembro, xunto coa exposición conmemorativa do 150 aniversario da liña Carril-Cormes, a primeira de Galicia
Museo do Ferrocarril de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Museo do Ferrocarril de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A esperada reapertura do Museo do Ferrocarril de Vilagarcía, o Mufevi, terá lugar o sábado 4 de novembro. A reinauguración prevista inicialmente para finais de outubro tivo que pospoñerse para compatibilizar o acto coas axendas da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e do comisario da exposición conmemorativa dos 150 anos da posta en servizo da liña de ferrocarril Cormes-Carril, a primeira de Galicia, posto que Vilagarcía e Compostela decidiron celebrar conxuntamente esta data. A partir do 4 de novembro, vilagarciáns e visitantes poderán visitar o centro situado na antiga estación de tren de Carril para ver os novos contidos, así como a mostra especial deseñada para a celebración deste sinalado aniversario.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e a alcaldesa de Santiago, presidirán a reinauguración do Mufevi, un acto institucional no que tamén participará Carlos Abellán, comisario da exposición sobre a construción da primeira liña ferroviaria galega que afonda no contexto histórico e social no que se desenvolveu e da repercusión que tivo na rexión a chegada do tren e a conexión do tráfico de mercancías por terra e mar. Un fito que marcou tamén o futuro da localidade carrilexa e, por extensión, de toda Vilagarcía e a súa contorna. Para a xornada tamén está prevista a celebración dunha conferencia a cargo do propio Abellán, expresidente da Fundación de Ferrocarriles Españoles, ex director do Museo de Ferrocarril de Madrid e actual presidente da Asociación Compostelana Amigos del Ferrocarril.

A antiga estación de Carril está xa acondicionada, ao terse rematado o repintado e exterior do edificio, que recupera a cor branca que tiña cando se inaugurou hai 150 anos e nos vindeiros días finalizarase a mellora da praciña dianteira. Os contidos do museo actualizáronse e reformuláronse mediante un proxecto elaborado pola firma Trivium Estratexias en Cultura e Turismo S.L. cun investimento de 48.200 euros. Tamén se reorganizaron os espazos expositivos nos distintos andares e redistribuíron os materiais e maquetas existentes, o que permitiu dotar á infraestrutura cultural de maior atractivo, accesibilidade e comodidade á hora de acoller visitas.