Premio para Vilagarcía pola humanización da rúa Arcebispo Lago

Alberto Varela defendeu a "necesidade vital" de continuar executando políticas de mobilidade sostible "para mellorar a calidade de vida da cidadanía e a saúde do planeta"
O alcalde, Alberto Varela, recolleu o galardón en Valladolid. DS
photo_camera O alcalde, Alberto Varela, recolleu o galardón en Valladolid. DS

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, recolleu durante o mediodía deste venres na gala anual da Red Ciudades que Caminan un premio pola humanización da rúa Arcebispo Lago, como un dos mellores proxectos de mobilidade peonil desenvolvidos en España no último ano.
O galardón recoñece, segundo a valoración do xurado, a "brillante actuación" realizada na céntrica rúa da vila, así como o modelo de cidade que se está desenvolvendo no municipio. Ademais de agradecer o premio e a "importante labor" realizada pola Rede e outros organismos con filosofías similares, o rexedor defendeu a "necesidade vital" de continuar executando políticas de mobilidade sostible "para mellorar a calidade de vida da cidadanía e a saúde do planeta".

O premio pola obra de Arcebispo Lago corresponde á categoría de cidades mediadas. O xurado destacou a "visión estratéxica do Concello á hora de seleccionar este enclave para o desenvolvemento dunha actuación de transformación exemplar" e coa que se crean novos espazos de calidade para os peóns e o fomento da convivencia.

A concelleira de Mobilidade, Paola María, foi a encargad a de explicar as liñas mestras do proxecto na presentación titulada "El recuerdo del mar", xa que o deseño realizado polo arquitecto Mariano Vázquez evoca as marismas e o regato existentes outrora no lugar mediante a incorporación de fontes e elementos acuáticos que singularizan e dotan de gran atractivo á humanización.

"Libertad es poder respirar aire puro en nuestra ciudades"

A modo de peche, o alcalde de Vilagarcía fixo unha firme defensa das políticas de humanización das cidades, de recuperar espazos seguros e atractivos para os peóns, de reducir a circulación de vehículos e as emisións de CO2 e de promover os medios de desprazamento alternativos e sostibles, como o transporte público ou a bicicleta. "A mobilidade sostible non é un asunto ideolóxico. É unha necesidade vital que temos que seguir desenvolvendo, tal e como establecen as directrices europeas, e tal e como, hai xa décadas, asumen de forma unánime e sen fisuras as sociedades máis avanzadas. Cara elas temos que mirar se non queremos caer nun proceso de involución cuxas consecuencias serían nefastas", expuxo Verela, que citou a Cristina Arjona, responsable de Greepeace, para acabar dicindo que "Libertad es poder respirar aire limpio en nuestras ciudades y poder llegar donde necesitemos sin tener la obligación de utilizar el coche".

Outros recoñecementos ao modelo de cidade

Este é o segundo premio da Red Ciudades que Caminan que recibe o Concello de Vilagarcía. O ano pasado obtivo outra mención polo conxunto das melloras realizadas no municipio nos últimos anos en materia de mobilidade peonil. O palmarés referente ao modelo de cidade de Vilagarcía inclúe o galardón recentemente concedido pola Rede de Cidades Saudables da FEMP polos Camiños Escolares Seguros, así como o recoñec emento dos Premios Bikefriendly 2023 da Red de Ciudades por la Bicicleta na categoría de Educación e Promoción.