‘Recortes’ encherá de fútbol o Auditorio de Vilagarcía este sábado

O espectáculo, protagonizado por Xosé A. Touriñán, estará en Vilagarcía o 21 de xaneiro tras dúas semanas enchendo funcións en Burela e Lugo
Recortes Xosé Antonio Touriñán Nacho Carretero. DS
photo_camera Recortes Xosé Antonio Touriñán Nacho Carretero. DS

O vindeiro sábado, día 21, chega ao Auditorio Municipal de Vilagarcía a obra Recortes, caneos e outras formas de driblar. Teatro, fútbol e música uniranse sobre as táboas para quefacer as delicias de todos os públicos. Haberá dous pases deste espectáculo que se basea no traballo máis recente de Nacho Carretero sobre o mundo do fútbol profesional. Recortes leva dende o pasado setembro de xira e nas últimas dúas semanas esgotou todas as localidades nas funcións de Lugo e Burela.

Trátase dunha historia sobre o lado máis oculto e escuro do mundo do fútbol profesional, á que Carretero lle dará tamén forma de libro. Malia que este aínda non chegou ás librarías, xa se pode desfrutar da súa adaptación teatral. Recortes é un partido deses que son de lembrar para sempre, pero sobre todo é unha reflexión sobre como somos como sociedade, un retrato a través do "deporte rei" das dinámicas que se dan en calquera ámbito. Para desfrutar da obra tampouco é necesario ter afección polo fútbol. O obxectivo é, en palabras de Touriñán, "que o público veña ao teatro e que lle provoque cousas, igual ca o fútbol. Se imos a un partido, estamos noventa minutos alí para ver un empate a ceros e aínda así volvemos, como a xente non vai vir ao teatro se lle damos un pouquiño de pasalo ben".


O elenco, adestrado polo director Tito Asorey e capitaneado por Xosé A. Touriñán, é un equipo de primeira que completan Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta. Estes seis intérpretes traerán sobre as táboas un sinfín de personaxes —xogadores, adestradores, directivos, seareiros, xornalistas...— cos que ilustran o lado máis descoñecido do deporte máis coñecido.

Recortes estreouse en setembro do ano pasado no Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde permaneceu un mes no Salón Teatro. A produción de Ainé e o Centro Dramático Galego leva xirando por toda Galicia dende entón e, tras a parada en Vilagarcía, as últimas funcións serán na Coruña os días 27 e 28 deste mes. Toda a información sobre o espectáculo e a venda de entradas está dispoñible en Ataquilla.