A obra de Laxeiro chega a Vilagarcía a través de dous cadros do pintor

Acción Laxeiro é unha mostra itinerante organizada pola Real Academia de Belas Artes para conmemorar o Día das Artes Galegas 2022 ▶ O alcalde e o conselleiro de Cultura inaugurarán a exposición que se poderá visitar no Auditorio dende o vindeiro luns ata o 17 de febreiro

Exposición 'Acción Laxeiro'. REAL ACADEMIA DAS BELAS ARTES
photo_camera Exposición 'Acción Laxeiro'. REAL ACADEMIA DAS BELAS ARTES

Acción Laxeiro, a exposición sobre o pintor lalinense organizada pola Real Academia das Belas Artes para conmemorar o Día das Artes Galegas, chega o luns 16 de xaneiro a Vilagarcía. Esta orixinal mostra comisariada polo fotoxornalista e membro da Academia de Belas Artes, Xurxo Lobato, amosa, non só obras do que un dos artistas plásticos contemporáneos máis relevantes e recoñecidos de Galicia, se non tamén, o proceso de creación deses cadros. A mostra itinerante inaugúrase o luns ás 20.30 horas na sala de exposicións do Auditorio coa presenza do alcalde, Alberto Varela, do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, do presidente da Academia de Belas Artes, Manuel Quintana e do comisario. Poderá visitarse ata o 17 de febreiro.

A obra mostra a Laxeiro en plena acción así como os resultados finais desa actividade. E os ollos a través dos que se exhibe esa faceta case sempre descoñecida da creación artística son os do propio comisario da mostra, Xurxo Lobato, que recrea detalle a detalle o proceso de creación de Laxeiro en dous momentos concretos: cando pintou o cadro de gran formato Aparición e cando elaborou unha obra para o libro Galegos na escaleira.

Lobato retratou a Laxeiro neses dous momentos tan especiais. O primeiro, tivo lugar en abril de 1987 na galería Trinta de Santiago de Compostela, onde o pintor de Lalín accedeu a pintar en directo e ante numeroso público un cadro. Titulouno Aparición e é o óleo de 176 x 146 centímetros que se poderá ver en Vilagarcía a partir do luns. Xunto a el, as imaxes de Lobato que recollen ese fito.

E o segundo momento, foi uns anos despois, en 1993, no domicilio do artista en Vigo, e mentres este pintaba a obra a incluír na publicación que a Fundación Caixa Galicia estaba preparando sobre destacados galegos e galegas de renome e que o propio Lobato ía a ilustrar coas súas fotografías.