Ravella vese obrigada a reorganizar o tráfico na avenida Valle Inclán durante 8 semanas

Os cambios, debido ás obras a acometer no lugar, serán operativos dende o vindeiro luns 2 de outubro

Infografía da reordenación do tráfico na avenida Valle Inclán de Vilagarcía. DS
photo_camera Infografía da reordenación do tráfico na avenida Valle Inclán de Vilagarcía. DS

As obras de mellora do sistema xeral de saneamento que está a levar a cabo Augas de Galicia, a través da empresa Petrolam Infraestructuras e con financiación de fondos europeos, obrigarán a reordenar o tráfico na avenida de Valle Inclán, a que discorre paralela ao porto e une Vilagarcía e Vilaxoán polo litoral. Esta vía conecta coa avenida de Pablo Picasso, que, á súa vez, dá acceso á circunvalación. A nova ordenación entrará en funcionamento a primeira hora do vindeiro luns, 2 de outubro, e estará vixente durante un tempo máximo de oito semanas. As obras consistirán na instalación dunha tubaxe de impulsión de 450 mm, afectando ao tramo comprendido entre a rotonda fronte a Maderas Redondo e a outra que vincula o porto con Pablo Picasso.

Para facilitar o tránsito, a empresa habilitará dous carrís "express" de uso exclusivo para o tráfico portuario: un, en Valle Inclán, entre as dúas glorietas antes citadas; e outro, entre na baixada de Pablo Picasso cara o porto. Ao tempo, nesta última vía habilítase un segundo carril de tráfico xeral, indicando "centro". Isto quere dicir que os usuarios só poderán virar á dereita, cara Vilagarcía e non á esquerda, cara Vilaxoán. A circulación ata o este só será posible cando se vai polo vial dereito de Valle Inclán.

Pola súa banda, entre a rotonda de Maderas Redondo e o entronque de Valle Inclán con Pablo Picasso o carril esquerdo quedará inhabilitado durante esas 8 semanas de obras. Deste xeito, o carril dereito será reversible e, polo tanto, regulado por semáforo. Para evitar máis trastornos, a empresa pretende facer esa inhabilitación por tramos, de xeito que así o tráfico será máis fluído e con menos tempos de espera no semáforo.

O goberno local prega a máxima colaboración dos condutores, respectando as sinais e os límites de velocidade. Da mesma maneira que foi preciso reordenar o tráfico na mesma vía hai unhas semanas, con motivo das obras dos tanques de tormentas na desembocadura do río do Con, agora é necesario facer o propio para estender a nova rede de colectores. As molestias de dúas semanas de traballos serán amplamente compensadas por unha máis eficiente xestión da rede de saneamento durante anos.