Ravella revoga o permiso para o transformador de Sobradelo ante os veciños

Para o concello non hai discrepancia: tanto no Catastro como no Inventario de Bens a parcela aparece como municipal, pero por prudencia preferiuse suspender o permiso

Imaxe da reunión no Outeiro. DS
photo_camera Imaxe da reunión no Outeiro. DS

O alcalde, Alberto Varela, ordenou este martes revogar a autorización para a instalación dun transformador eléctrico na parroquia de Sobradelo, aprobada inicialmente pola Xunta de Goberno Local. A decisión prodúcese diante das dúbidas veciñais arredor da titularidade dos terreos, que o concello non comparte: tanto no Catastro como no Inventario de Bens Municipais esa parcela figura como de titularidade da administración local. Os representantes veciñais sosteñen, sen embargo, que se trata dunha propiedade privada. Malia que os  rexistros son claros -os servizos técnicos e xurídicos do concello deberán aclarar esa discrepancia-, o alcalde decidiu por prudencia revogar esa licencia e, atendendo ás demandas veciñais, buscar unha alternativa.

Na mañá deste martes, os concelleiros de Urbanismo e de Servizos, Paola María e Lino Mouriño, mantiveron unha reunión cos representantes veciñais para analizar a situación. Despois, Mouriño, xunto cos técnicos municipais e da propia empresa promotora das obras, trasladouse ao lugar previsto inicialmente para o transformador, o Outeiro de Sobradelo. Alí sumáronse varios veciños á reunión e as tres partes concordaron en buscar alternativas ao emprazamento preliminar.

O goberno local lembrou que a concesión de licenzas é un acto regrado, que os solicitantes cumprían con todos os requisitos e que en ningún caso a instalación dun transformador en Sobradelo é unha iniciativa do goberno local, senón dunha empresa, Naturgy, que decide investir en mellorar a rede precisamente porque así llo pediron os veciños da zona. O goberno local agradece, por iso, a boa disposición da empresa para buscar outra posibilidade de emprazamento e tamén dos representantes veciñais para colaborar nesa busca.