Ravella move os actos do Samaín Arrepiante ao Auditorio ante a previsión de chuvia

As actividades de animación e o teatro musical comezarán as 19.30 horas no Auditorio ▶ O desfile da Santa Compaña trasládase á Praza da Peixería como previa ao gran baile de disfraces
 

(_LO_3195.JPG)  Salnes Samain Vilagarcia Praza da Peixeria
photo_camera A praza da Peixería acolleu a festa na edición do pasado ano. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Goberno local de Vilagarcía viuse obrigado a acubillar baixo teito as celebracións do Samaín Arrepiante que terán lugar na xornada deste martes, 31 de outubro, por mor das previsións de chuvia que seguen a azotar á comarca do Salnés. Malia este cambio, o mal tempo non impedirá gozar das actividades programadas, que se manteñen na súa totalidade co único cambio de que se distribuirán entre o Auditorio Municipal e a Praza da Peixería. A entrada é de balde en todas elas.

A terrorífica festa comezará ás 19.30 horas nas instalacións do Auditorio Municipal, onde o exército Clown de Tatana Teatro interactuará co público asistente. De seguido, a asociación sociocultural Nydia asentará o seu poboado zombi nas mesmas instalacións para amedrentar e dar algún que outro susto, e tamén diversión, a todos os presentes. Finalmente, na sala principal celebrarase o espectáculo de teatro musical da academia CODA baseado na Familia Adams e na Pantasma da Ópera.

O Desfile da Santa Compaña, que comezará á media noite, terá lugar na Praza da Peixería, contará co acompañamento dun grupo de mulleres de loito e rematará cunha arrepiante Danza da Morte. Nesta procesión de ánimas en pena participan os membros do Orfeón de Voces Graves de Arousa e da Escola de Danza Perla de Arousa.

A continuación, e como xa estaba previsto, a Peixería a collerá o Baile de Disfraces amenizado por DJ Alkalde. A entrada é libre e de balde.