Ravella apoia ás traballadoras de Bershka e insta a Inditex a apostar polo comercio local

O plantel dirixiuse esta semana ao executivo para expoñerlle a situación tras coñecerse a intención de pechar a tenda de Arcebispo Lago
Fachada exterior de Bershka en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Fachada exterior de Bershka en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

 O goberno de Vilagarcía apoia ás reivindicacións das traballadoras de Bershka en Vilagarcía, que convocan mobilizacións polo inminente peche da tenda da rúa Arcebispo Lago anunciada polo grupo Inditex. As empregadas contactaron co executivo local para expoñerlles a situación e as condicións que lles ofrece a empresa e para anunciar a concentración de protesta que teñen previsto realizar o venres.

O goberno local lamenta a decisión adoptada polo grupo Inditex en canto ao peche das tendas de Bershka en Vilagarcía e Pontevedra para unificar a venta desta marca nun macro establecemento en Vigo especialmente dirixido á venta online. O executivo entende a postura das traballadoras -que aseguran que as tendas dan beneficio-, e o prexuízo que para elas tería ser reubicadas en Vigo e que vai máis aló dunha valoración meramente económica, xa que, segundo indican dende o ente municipal, incide especialmente na perda da calidade de vida das empregadas e dificulta a conciliación da vida laboral e familiar debido aos desprazamentos diarios de ida e volta dende Vilagarcía á cidade olívica.

Dende Ravella píden ao grupo de Amancio Ortega que reconsidere a decisión e que continúe apostando polo modelo de comercio de proximidade que se promove dende Europa e que é o que realmente contribúe a dinamizar ás cidades, especialmente as de pequeno e mediano tamaño, maioritarias en Galicia e no resto de España. Un modelo no que Inditex xogou ata o de agora un papel principal, xa que a apertura de tendas de calquera das súas marcas actuaba como motor de desenvolvemento económico e foco de atracción para outros negocios.