Ravella acometerá melloras na contorna da Escardia e Xoán XXIII

Preténdese humanizar e mellorar a mobilidade nas rúas Luisa Vila Janer, Ramón Piñeiro López, Santa Lucía e na praza de Xoán XXIII
Entorno da Escardia. DS
photo_camera Entorno da Escardia. DS

O Concello de Vilagarcía acometerá nas vindeiras semanas melloras na contorna da Escardia e de Xoán XXIII. En concreto, o Goberno local pretende acondicionar as rúas Luisa Vila Janer, Ramón Piñeiro López, Santa Lucía e a Praza de Xoán XXII, e para elo vén de adxudicar a redacción dos preceptivos proxectos á firma Enurcoin por importe de 16.879 euros.

As actuacións a proxectar suporán unha importante mellora tendo en conta que se trata de rúas moi transitadas posto que na zona hai un colexio, unha residencia de anciás e o Concello. Ademais, por estas rúas discorrerán parte das rutas dos camiños escolares seguros aos centros da Escardia e Anexo A Lomba, nas que tamén está traballando o Concello a través da Concellería de Mobilidade e de Stop Accidentes.

As zonas nas que se planea actuar suman unha superficie de 9.500 metros cadrados. Os proxectos a redactar deberán cumprir os obxectivos de humanizar a contorna, mellorar a mobilidade, a accesibilidade e a seguridade viaria, así como revitalizar e modernizar o ecosistema urbano. Para isto estableceranse medidas de pacificación e calmado de tráfico, ensancharanse beirarrúas, eliminaranse barreiras arquitectónicas, renovarase o firme, as pavimentacións e os servizos básicos, mellorarase a sinalización horizontal e vertical, colocaranse novo mobi liario urbano e ordenaranse os usos dos espazos públicos.

Unha vez redactados os proxectos o Concello poderá ir programando a execución dos traballos en función das prioridades e dos recursos dispoñibles. As obras poderán financiarse con fondos propios ou recorrendo a subvencións ou planas doutras administracións, para o cal é preciso contar previamente cos proxectos, de aí que xa se teña contratado a redacción.