O Concello contratará a 35 persoas desempregadas a través do Plan Máis Provincia

Os traballadores reforzarán a partir do 1 de abril diversos servizos municipais para a execución de obras e servizos de interese xeral e social
Trabajos de limpieza de los pluviales de Rosalía de Castro en Vilagarcía. DS
photo_camera Persoal municipal traballando na limpeza dun parque de Vilagarcía. DS

O Concello de Vilagarcía concorre ás axudas convocadas pola Deputación Provincial de Pontevedra a través do Plan Máis Provincia co obxectivo de desenvolver un proxecto de activación do emprego do que se beneficiarán 35 persoas desempregadas. O proxecto vilagarcián ten un custe de 500.427 euros que se financiarían entre ámbalas dúas administracións, aportando o Concello 215.881 euros (o 43%) e o organismo provincial os 284.565 restantes. Os contratos serán a xornada completa e cunha duración de 8 meses.

A previsión é que os 35 traballadores e traballadoras comecen a traballar o 1 de abril, sempre que a Deputación teña resolto antes e de xeito favorable a solicitude de Ravella. Os beneficiarios desta iniciativa de promoción de emprego distribuiranse entre os diferentes servizos municipais a efectos de reforzar o persoal do Concello nas labores necesarias para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais de interese xeral e social.

As persoas a contratar dedicaranse a realizar labores de xestión forestal preventiva e de recuperación medioambiental; obras de eficiencia enerxética; traballos de pintado e sinalización viaria; actuacións de conservación, rehabilitación e acondicionamento de infraestruturas municipais; labores de recuperación e mellora de parques, xardíns e zonas naturais; e traballos de control e mantemento das instalacións deportivas municipais.

Os postos de traballo demandados son:

14 peóns axudantes albaneis
1 peón fontaneiro
5 peóns pintores/empapeladores
4 peóns instaladores electricistas
4 peóns forestais
4 peóns para a conservación de parques urbanos, xardíns históricos e botánicos
1 peón condutor operador de retroescavadora
2 peóns axudantes mantedores de instalacións deportivas.

Selección a través do Servizo Público de Emprego

Unha vez tramitada a solicitude, o Concello deberá esperar a que o organismo provincial resolva a convocatoria das axudas e comunique a concesión das mesmas. Será entón cando se poida poñer en marcha a selección do persoal, proceso que se realizará a través do Servizo Público de Emprego (o antigo INEM), no que os interesados deberán estar inscritos nas súas listas de demandantes de emprego, reunir os requisitos especificados na convocatoria e no perfil dos postos de traballo ofertados.

Segundo a orde que regula a convocatoria da Deputación, á hora da selección terán prioridade con base este orden: as persoas en desemprego de longa duración, as mulleres con baixa cualificación, as persoas candidatas maiores de 45 anos, a mocidade (especialmente con baixa cualificación), as persoas que acrediten unha discapacidade física ou sensorial superior ao 65 % ou as persoas con discapacidade que presenten maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo, as vítimas de violencia de xénero, as familias monoparentais con fillos ao seu cargo e as persoas con niveis de renda máis baixa.