Ravella insiste en que Urbaser adiante a mesa de negociación á vindeira semana

O obxectivo é evitar a folga ▶ A voceira do executivo, Tania García, reuniuse este xoves cos demais portavoces para mantelos puntualmente informados da marcha do conflito e das súas iniciativas
Xunta de voceiros do Concello de Vilagarcía. DS
photo_camera Xabier Rodríguez, Ana Granja e Juan Fajardo xunto a Tania García na xunta de voceiros. DS

O alcalde, Alberto Varela, insistiu formalmente diante do delegado de Urbaser para que adiante á vindeira semana a reunión prevista cos sindicatos o día 17. Igualmente, o goberno local mantivo varios encontros cos representantes dos traballadores, nunha dobre labor de mediación que ten por obxectivo evitar que a folga anunciada poida chegar a ser unha realidade coincidindo, ademais, coas festas patronais e o momento máis álxido da temporada de verán.

Así llo transmitiu na mañá deste xoves a voceira do goberno municipal, Tania García, ao resto dos portavoces dos tres grupos da oposición: Ana Granja, polo PP; Xabier Rodríguez, polo BNG; e Juan Fajardo, por Esquerda Unida. Na xuntanza, celebrada a media maña nun ambiente moi cordial, analizáronse as circunstancias que levaron ao actual conflito e a necesidade de tentar de chegar a un acordo para evitar unha folga que non vai a favorecer a ninguén, en palabras de García Sanmartín: "nin ao concello, nin á empresa, nin aos veciños e veciñas, pero tampouco aos propios traballadores". Por esa mesma razón, dende o goberno local insístese na chamada ao diálogo, algo que no que coincidiron todos os grupos.

Tania García comprometeuse a ter constantemente informados a todos os grupos do resultado da mediación entre as dúas partes que está desenvolvendo o grupo de goberno.