Ravella asegura que multiplicou por dous o número de usuarios do servizo de axuda no fogar

"Que o PP, o mesmo que goberna a Xunta, fale de deixadez, roza o sarcasmo", explican dende o Goberno local
(_LO_7908.JPG)  Salnes Rueda Prensa Psoe Vilagarcia Plaza Ravella14519
photo_camera Alberto Varela, líder socialista de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Dende o Goberno local de Vilagarcía saíron ao paso para explicar que, no mandato de Alberto Varela, o Servizo de Axuda no Fogar duplicou o número de usuarios e multiplicou por tres o investimento, con respecto ás cifras que manexaba o PP cando gobernaba, "o mesmo partido que agora critica o seu funcionamento". En 2013, os Servizos Sociais que entón dirixía Elena Suárez, a mesma que agora fala de "deixadez", explican, tiñan no SAF a 73 persoas, ás que dedicaron 425.000 euros. Hoxe, o Concello atende a 130 usuarios a cuxo coidado se destinan 1.220.000 euros. "Se co goberno do PP as horas eran 30.000, agora son 72.000". Polo tanto, inciden "que o PP, o mesmo que goberna a Xunta, que é quen ten a competencia, fale de deixadez, roza o sarcasmo", argumenta Tania García, portavoz do goberno e concelleira de Servizos Sociais.

"Para o goberno local, é lamentable que de novo os populares locais, en vez de defender a Vilagarcía, se dediquen a salvar a cara dos que gobernan en Santiago. O que fai falla son menos anuncios electoralistas, como os que veñen facendo nas últimas semanas, e comprometerse en cambio a dedicar máis diñeiro á dependencia en todos os concellos de Galicia" engaden.

Para o goberno local, o que terían que facer os populares de Vilagarcía é instar á Xunta a que "dunha vez por todas sente a patronal e sindicatos para renovar o convenio colectivo que regula o servizo. Un servizo, cabe recordar, que é unha competencia impropia dos concellos, que teñen que dedicar unha parte moi importante dos seus recursos para chegar alí onde a Xunta non chega, malia que é a súa obriga. E non só é o caso de Vilagarcía: a necesidade de financiar o SAF doutro xeito é un clamor en todos os concellos de Galicia", sentencian.