Vilagarcía emprende con repostería canina, moda sostible e revestimentos con cunchas

O Concello elixiu as dez propostas que accederán á fase de academia e mentorización no marco do Concurso de Iniciativas Emprendedoras 
Uno de los productos de Dulces Tartas. DS
photo_camera Uno de los productos de Dulces Tartas. DS

O Concurso de Iniciativas Emprendedoras Vilagarcía de Arousa entra na segunda ao terse seleccionado os dez proxectos finalistas que accederán ao proceso de academia e mentorización a desenvolver nos vindeiros meses. Das 17 ideas presentadas ao certame, o xurado seleccionou aquelas que, ademais de considerarse viables económica, técnica e medioambientalmente, poden provocar maior impacto na economía local, contan con maior potencial de creación de emprego e supoñen unha modernización dos sectores tradicionais. Entre as propostas destacan algunhas tan innovadoras como un negocio de repostería para cans, dous de moda sostible e outro de revestimentos para a construción fabricados con cunhas de vieiras.

Ademais dos aspectos sinalados á hora de avaliar as propostas, o xurado - formado por representantes do Concello e do tecido empresarial da cidade- tamén tivo en conta o efecto tractor que as iniciativas poden ter sobre outras empresas, así como a resposta que os proxectos dan aos retos medioambientais e ao cambio climático.

Os proxectos seleccionados son:

- Arual Ecology: Empresa de roupa confeccionada con materiais sostibles, reciclados ou orgánicos.
- Clamfy: Plataforma para a comercialización directa de produtos da acuicultura, evitando intermediarios entre o produtor (mariscador/mexilloeiro) e o consumidor.
- Dulces Tartas: Negocio de repostería personalizada.
- La Aceituniña: Tenda de encurtidos artesanais e produtos gourmet.
- Las Tartas de Molly: Pastelería para cans.
- Longa Music Lab: Laboratorio de produción musical e espazo experimental.
- Materia Botánica: Proxecto de moda sostible que crea prendas únicas tecidas con lá e tinguidas artesanalmente con tinguiduras naturais extraídas de residuos vexetais da agricultura.
- Mi Chocolate: Obradoiro de creación artesanal de chocolates e bombóns.
- Psicólogos Castromil: Gabinete de atención psicolóxica.
- Shell Panel: Empresa de paneis para a construción fabricados mediante o procesamento de cunchas de vieira.

Estes dez proxectos participarán na fase de academia que comezará a impartirse en xaneiro e terá unha duración de tres meses. Tal como se establecía nas bases do concurso, os emprendedores recibirán formación especializada, titorización individualizada e asesoramento personalizado co obxectivo de que dispoñan dos coñecementos, recursos e ferramentas necesarios para a posta en marcha dos seus negocios e para o seu desenvolvemento con éxito. Para iso tamén se lles proporcionarán interesantes oportunidades de networking.

Tres premios en metálico

Rematada a fase de academia, os finalistas presentarán os seus proxectos nun acto público tras o cal que decidirá o nome das iniciativas gañadoras e se outorgarán os diplomas e premios en metálico, valorados en 16.000 euros. A mellor idea recibirá 8.000 euros, mentres que a segunda e a terceira clasificadas serán premiadas con 5.000 e 3.000 euros, respectivamente.