Ravella arranxará os canlóns de pluviais da Escardia e da unitaria de Aralde

As actuacións xa foron contratadas e suman un gasto de 6.200 euros
Parte traseira do colexio A Escardia de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Parte traseira do colexio A Escardia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía vén de contratar obras de mellora en dous centros educativos do municipio. Trátase dos traballos de arranxo dos canlóns de recollida de augas pluviais no colexio da Escardia e na unitaria de Aralde, nos que a administración local inviste 6.200 euros e que serán executados de forma inminente.

As obras adxudicáronse nas reunións da Xunta de Goberno Local desta semana e da anterior. Os traballos encádranse nas actuacións habituais de mantemento e conservación das infraestruturas educativas.

As actuacións consistirán no arranxo de canlóns, na substitución dos tramos nos que sexa necesario e acondicionamento das baixadas, de xeito que a recollida e alivio das augas procedentes da chuvia se faga de xeito eficiente e se eviten problemas de acumulacións na cuberta, así como as filtracións ao interior dos edificios.

A obra no colexio da Escardia ten un orzamento de 4.943 euros e será executada pola empresa Cumbre Canalón, mentres que Reformas Trébol será a que realice os traballos na unitaria de Aralde cun investimento de 1.185 euros.