Cinco candidatos optan ao premio Mellor Deportista de Vilagarcía

O vencedor darase a coñecer na gala da XXXI Festa Local do Deporte que se celebrará o 1 de marzo no Salón García
Recepción a Martín Rey no Concello de Vilagarcía tras gañar a Volta a Galicia
photo_camera Recepción a Martín Rey no Concello de Vilagarcía tras gañar a Volta a Galicia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Vilagarcía celebrará o venres 1 de marzo a gala da XXXI Festa Local do Deporte, unha celebración na que a Fundación Municipal de Deportes recoñece a labor de persoas e entidades que destacaron na práctica ou promoción deportiva e concederá o premio Mellor Deportista Local da tempada 2022/23. A este galardón optan nesta edición o ciclista Martín Rey Vázquez, a tenista Jessica Bouzas Maneiro, o kenpista Pedro Muñoz Fole, o piragüista Pedro Torrado Mollinedo e o remeiro Anxo Martínez Fernández.

A Festa Local do Deporte é un evento que ten como obxectivo difundir e poñer en valor todas as disciplinas deportivas que se practican no municipio -tanto a través das actividades que organiza o organismo público, como as que realizan os distintos clubs-, como xeito de seguir incentivando a súa práctica entre persoas de todas as idades, xa sexa de modo competitivo como lúdico. Dentro desta filosofía, a celebración tamén serve para premiar aos deportistas que teñan obtido os mellores resultados na última tempada, cuxos finalistas son seleccionados por un xurado entre as candidaturas presentadas por clubs e persoas a título individual, e tendo en conta os méritos dos aspirantes.

No transcurso da gala tamén se fará entrega das mencións especiais a título póstumo concedidas este ano a Martín Cardalda, 'Tinín', pola súa traxectoria como directivo e adestrador do San Martín CF; a Luis García Loureiro, 'Luisiño', pola súa traxectoria como directivo do CD Bamio; e a Francisco Javier Pérez Lafuente, 'Chuco', pola súa traxectoria na vela como xuíz e directivo en diferentes clubs, así como no baloncesto local, sendo adestrador no Basket Base Club e no CB el 12.

En canto ás mencións especiais por categorías, serán para Luis Treviño Torres (técnico deportivo); Sigatel (empresa); Mónica Irago (medios de comunicación); Pablo Muras Abad (deporte para todos); Club Kenpo Vilagarcía (organización de eventos); e Sara Gómez Ferreiros (traxectoria deportiva).