Ravella amplía ata o venres o prazo para anotarse na viaxe a León para maiores

A excursión de 5 días e 4 noites inclúe visitas á cidade de León, ás Médulas, as covas de Valporquero, á Bañeza e a Astorga
Personas mayores en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Personas mayores en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Concellería de Persoas Maiores informou de que se amplía ata o venres, 28 de abril, o prazo para anotarse á viaxe a distintos lugares de interese cultural e natural da provincia de León. A excursión a desenvolver entre o 2 e o 6 de maio está dirixida ao colectivo de maiores de 65 anos e inclúe a visita á capital leonesa, as antigas minas romanas das Médulas, as localidades de A Bañeza e Astorga e as covas de Valporquero. A viaxe, con estancia en hotel de 3 estrelas en réxime de pensión completa, ten un custe de 290 euros por persoa en habitación compartida. Con esta actividade, a Concellería recupera as viaxes subvencionadas que se deixaran de facer coa pandemia.

Ademais, a oferta consta do transporte durante as cinco xornadas, as visitas mencionadas, con entrada aos lugares incluídos no itinerario e seguro de asistencia durante a viaxe. As persoas que desexen facer uso de habitación individual deberán abonar 110 euros máis á cota establecida.

Polo de agora aínda quedan dispoñibles algunhas prazas para cubrir o autobús a fletar pola Concellería. Os interesados en anotarse deben dirixirse ás dependencias de Persoas Maiores sitas na planta baixa do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas. O número máximo de prazas a reservar por unha mesma persoa é de catro.

Os requisitos para poder participar nesta viaxe son ter 65 anos cumpridos ou ter cumpridos os 55 anos sendo pensionista. Os solicitantes deben estar empadroados en Vilagarcía. No caso de ir coa súa parella, non é pr eciso que esta reúna os requisitos de idade e pensión.