Ravella afea á Xunta "que veña a sacar fotos a Cortegada en lugar de rehabilitar a capela"

O Concello informou favorablemente a realización das obras en 2019 e dende entón a administración autonómica "non moveu unha soa pedra", sinalan
Viaxe á Illa de Cortegada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA/ARQUIVO
photo_camera Ángeles Vázquez visitou a contorna da Illa de Cortegada o pasado martes. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Goberno local de Vilagarcía mostrou a súa disconformidade coa visita o pasado martes da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, á Illa de Cortegada. Dende a formación socialista lamentan profundamente que "os responsables da Xunta de Galicia só se acorden de Cortegada para darse un paseíño en barco e sacar unhas fotos ante os medios de comunicación, en lugar de preocuparse por coidar e realizar melloras nunha illa que, a maiores de estar integrada no Parque Nacional das Illas Atlánticas, conta cunha historia e un patrimonio que a administración autonómica debería poñer en valor en lugar de deixar que sega a perderse". Do mesmo xeito -afirman-, seguen esperando a que o ente autonómico poña en funcionamento o albergue de peregrinos construído polo Concello con fondos do Plan Concellos da Deputación.

"Coa foto desta semana volvemos a comprobar a absoluta falta de interese da Xunta de Galicia por Cortegada, porque si realmente lles preocupase non estariámonos preguntando que pasou coa rehabilitación da capela da Virxe dos Milagres, anunciada pola Consellería de Cultura en 2019". Hai case catro anos que o Concello informou favorablemente á realización das obras, trámite que por tratarse de terreos integrados nun Parque Nacional e por ser unha actuación de interese público suple ao de concesión de licenza. Segundo o proxecto presentado no seu día, as obras a realizar consistían na reconstrución da cuberta e a bóveda da capela, e tiñan un presuposto de 464.258 euros. Ravella pregúntase, "ranscorrido todo este tempo sen que a Xunta teña movido unha soa pedra", onde foron eses cartos, e responsabilizan aos responsables do goberno autonómico do abandono do patrimonio arquitectónico e histórico de Cortegada e do seu deterioro.

Perdida a ocasión de estrear o albergue de peregrinos esta Semana Santa -engaden-, tamén esixen á Xunta que poña en marcha o albergue e cumpra o compromiso adquirido de incorporar ás instalacións á Rede de Albergues do Camiño de Santiago. "Vímosllo demandando por escrito novembro e, despois de que por fin os técnicos da Sociedade de xestión do Plan Xacobeo viñesen hai mes e medio a inspeccionar as instalacións, seguimos sen ter noticia algunha ao respecto.