Ravella adxudica a reforma dos vestiarios e da galería da piscina Celestino Brianes

A empresa Prace será a encargada de acometer os traballos ▶ O primeiro lote do proxecto de ampliación da instalación deportiva contratouse por 497.575 euros
Vestuarios Piscina municipal Fontecarmoa Vilagarcía. DS
photo_camera Vestuarios Piscina municipal Fontecarmoa Vilagarcía. DS

O Goberno local de Vilagarcía ven de adxudicar á construtora Prace a reforma dos vestiarios e da galería da fachada sur da piscina municipal Celestino Brianes, traballos que se corresponden co primeiro dos dous lotes nos que se dividiu o proxecto de ampliación e mellora da infraestrutura deportiva situada en Fontecarmoa. A obra contratouse por 497.575 euros, o que supón un aforro de 19.870 euros con respecto ao prezo de licitación. Unha vez presentada a documentación pertinente e asinado o contrato, a adxudicataria disporá de 3 meses para acometer os traballos aos que sucederá a actuación máis ambiciosa, a construción do novo edificio que albergará o segundo vaso. Este lote licitarase posteriormente cun importe de 3,1 millóns de euros.

Segundo o proxecto redactado polo arquitecto Jesús San Vicente, as obras que se veñen de adxudicar consistirán en reorganizar os vestiarios masculinos e femininos, optimizando o espazo e renovando por completo as instalacións. Isto permitirá contar con 20 puntos de ducha en lugar dos 8 existentes na actualidade. Ademais, habilitaranse dúas cabinas para cambio de persoas con problemas de mobilidade ou diversidade funcional que precisen de axuda externa.

Xunto á saída dos vestiarios crearase un segundo mesado de lavamáns con secadores de pelo, e a zona das taquillas, que gañará en amplitude, irá conectada coa de lavabos. As cabinas dos inodoros concentraranse nunha zona específica e crearase outra con acceso máis doado dende o vaso da piscina. Por último, nas dependencias de homes colocaranse claraboias motorizadas para paliar o problema de ventilación e falta de iluminación natural.

A maiores das obras descritas, a actuación inclúe un proxecto de interiorismo para cambiar e modernizar a imaxe dos vestiarios mediante os acabados de paredes, solos e teitos utilizando materiais de primeira calidade, resistentes ás condicións de temperatura e humidade e atractivos á vista. Tamén se renovarán as instalacións de fontanaría, iluminación e saneamento.

A remodelación da fachada sur do actual pavillón, construída a modo de galería de vidro, consistirá na construción dunha cuberta con panel de chapa sobre as vigas e piares inclinados existentes. Deste xeito proporcionarase maior protección solar no interior da piscina durante os meses de verán e tamén se amparará da chuvia ao muro cortina. O obxectivo da obra é acabar cos problemas da actual galería, que presenta moitas patoloxías e filtracións de humidades que inflúen negativamente nas condicións de estanquidade e condensación na zona interior onde se empraza o vaso principal. Así, coa reforma proxectada conseguirase elevar os niveis de eficiencia enerxética da piscina municipal.