Ravella acondiciona 72 hectáreas de masa forestal cunha axuda de 85.000 euros

Os dez colectivos que xestionan os terreos en man común obtiveron subvención do Concello para realizar os seus proxectos anuais
(_LO_1126.JPG)  Salnes Plantacion de Albariño en la zona de Berdon Guillan10922
photo_camera (_LO_1126.JPG) Salnes Plantacion de Albariño en la zona de Berdon Guillan10922

As axudas que ofrece o Concello de Vilagarcía para previr incendios e axudar no mantemento dos montes permitiron este ano acondicionar e preservar 72 hectáreas de masa forestal. A Concellería de Medio Ambiente volveu a esgotar a partida de 85.000 euros que destina en cada presuposto a financiar os proxectos dos colectivos de comuneiros. As dez entidades existentes no municipio accederon ás subvencións que destinaron principalmente á execución de labores de limpeza e conservación das masas forestais. Tamén se realizaron tres plantacións de castiñeiros e piñeiros e se financiou a redacción dun proxecto de control arqueolóxico.

A comunidade de Guillán foi a que actuou nunha maior superficie, nun total de 20,39 hectáreas nas que levaron a cabo tarefas de roza. Traballos similares realizaron as xuntas de Sobrán e Vilaxoán, que combinaron medios materiais e mecánicos para acondicionar 12,53 hectáreas dos seus terreos. Os comuneiros de Rubiáns traballaron en 7,99 hectáreas realizando unha roza manual con recollida e trituración de restos e labores de poda de formación en masas de coníferas.

Rozas mecanizadas e manuais xunto con rareos foron os traballos do proxecto desenvolvido en 7,83 hectáreas dos montes veciñais de Fontecarmoa. A xunta de Loenzo optou este ano por executar unha roza de penetración e outra manual, así como unha poda alta en masa de coníferas e frondosas, traballos que afectaron a 6,05 hectáreas. Ademais, financiouse a redacción dun proxecto de control arqueolóxico, trámite preceptivo para poder actuar sobre a masa forestal situada nas áreas de protección existentes debido aos numerosos elementos arqueolóxicos e patrimoniais que se atopan nos nosos montes (petróglifos, mámoas ou restos de castros).

A mancomunidade de Cornazo e Solobeira centrou os seus proxectos en 5,39 hectáreas nas que realizaron rozas e rareos en zonas de monte, e unha roza mecanizada en pistas forestais.

Algo máis de 4,5 hectáreas foi a superficie na que a comunidade de montes de Trabanca Badiña actuou este ano a través das axudas municipais. Realizaron labores de roza e poda alta en masa de coníferas e tamén unha plantación de castiñeiros. Tamén optaron pola reforestación os comuneiros de Trabanca Sardiñeira, neste caso plantando castiñeiros e piñeiros, traballos que completaron cunha tala e trituración da biomasa. En conxunto traballaron sobre 4,37 hectáreas de terreos veciñais.

Pola súa banda, a comunidade de montes de Cea realizou labores de roza manual con rareo e poda de frondosas en 2,96 hectáreas, mentres que a xunta de Bamio centrou o seu proxecto na limpeza e conservación das pistas forestais realizando rozas mecanizadas para crear faixas auxiliares a ambos lados dos camiños e nunha lonxitude total de 9 quilómetros.