Os primeiros cincocentos usuarios do Vaibike! poden recoller o seu chaleco reflectante

Unha das estacións do servizo de préstamo de bicicletas en Vilagarcía. JOSÉ LUIS OUBIÑA
Boa acollida do sistema público de préstamo de bicicletas con case un millar de inscritos

Os primeiros cincocentos usuarios do Vaibike! poderán recoller o seu chaleco reflectante a partir deste luns, 17 de abril, no primeiro andar do edificio vello do Concello, en horario de 9:00 a 13:00 horas. O usuario número 500 fixo a súa inscrición o pasado luns, día 10, ás 13:03 horas. Aí é onde se estableceu o corte. O único requisito para recoller o seu chaleco é amosar o seu DNI ou documento equivalente que permita acreditar a súa identidade e comprobar si figura no listado xerado automaticamente pola plataforma de xestión do Vaibike!. É dicir: os afortunadas son as primeiras cincocentas persoas que se inscribiron entre as 00:00 horas do pasado día 1 e as 13:03 do día 10. Na actualidade, os inscritos están próximos ao millar.

O Concello celebra a boa acollida que está recibindo a nova posta en marcha do sistema público de préstamo de bicicletas, ampliado a 16 estacións e 80 bicicletas, entre elas varias con cadeira para bebés e handbikes para persoas con mobilidade reducida. Nestes días, a empresa adxudicataria do servizo estivo arranxando os problemas de enganche nalgunhas estacións e, en xeral, avaliando todo o servizo nos primeiros días de funcionamento. O Concello agradece, por iso, a boa colaboración e comprensión dos usuarios no arranque do Vaibike! que, como todo servizo desta complexidade, necesita dalgunhas xornadas para axustar todas as pezas: estacións, bicicletas, tempos de uso, plataforma de pago...

Como se sabe, nestes momentos e como iniciativa de lanzamento para que o público se familiarice co sistema, que unicamente funciona cunha App móbil, só está dispoñible unha tarifa denominada 'Volvemos!', na que por un so euro e posible dispoñer dunha bicicleta durante tres meses, do 1 de abril ao 30 de xuño. A partir desta data, os usuarios poderán escoller entre recibir en préstamo unha bicicleta por día (5 euros), semana (12), mes (20) ou ano (36). Para esa segunda fase, o Concello xa ten previstas outras accións de promoción dunha iniciativa que conta co financiamento de fondos europeos a través da Edusi 'Vilagarcía Avanza'.