Preto de 700 máscaras do Ulla e o Salnés participarán no desfile de Vilagarcía

Os gañadores do concurso daranse a coñecer na festa que se desenvolverá este martes a partir das 20.30 horas na Praza da Peixería, onde se repartirán  6.800 euros en premios
Desfile en Vilagarcía el pasado 2023. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Desfile en Vilagarcía el pasado 2023. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Martes de Carnaval é o día grande do Entroido en Vilagarcía e a xornada na que se desenvolve o evento máis multitudinario e colorido destas festas: o desfile de disfraces e carrozas. A espectacularidade volve a estar garantida coas 36 inscricións rexistradas para concursar nas distintas categorías do certame e que proceden de diversos puntos das comarcas do Salnés, do Ulla e incluso con algunha da de Vigo. Unhas 700 máscaras acompañadas de 16 carrozas comporán a divertida comitiva que a partir das cinco da tarde percorrerá as rúa da cidade. Os premios coñeceranse na festa que se celebrará a partir das 20.30 horas na Praza da Peixería. Este mesmo escenario acolle este luns pola tarde o tradicional baile infantil de disfraces.

Os nenos e nenas son os protagonistas da xornada do Luns de Carnaval e para eles a Concellería de Xuventude organiza o baile de disfraces desta tarde. Unha actividade na que, ademais da animación musical de La Duendeneta, os cativos poderán divertirse participando en numerosos xogos e nos obradoiros de confección de máscaras, disfraces, pintado de caras e chapas. Ademais, haberá algunha pequena sorpresa reservada para os asistentes.

A chuvia dará unha tregua este martes pola tarde para que os vilagarciáns poidan gozar do evento máis esperado. A partir das cinco da tarde o Entroido invadirá as rúas da cidade co esperado desfile no que participantes procedentes de Vilagarcía, Meis, Moraña, Valga, Catoira, Padrón, A Illa de Arousa, Vilanova, Caldas de Reis, Redondela e Vilalonga exhibirán a creatividade e a orixinalidade vertida na elaboración dos disfraces que encherán a xornada de humor, sátira e alegría. Disfraces individuais e de parellas, xunto aos das agrupación e aos tradicionais choqueiros dinamizarán as rúas e competirán por conseguir algún dos premios nos que a Concellería de Cultura repartirá este ano 6.800 euros.

Percorrido

O desfile sairá como de costume da Praza Doutor Carús e da rúa Alexandre Bóveda para continuar por Alejandro Cerecedo, Doutor Tourón, Praza de España, Edelmiro Trillo, Padre Feijoo, Praza da Independencia, San Roque e Juan Carlos l para rematar na Praza de Ravella, diante do Concello.