Cortes de tráfico e restricións do aparcamento polo desfile de Entroido de Vilagarcía

A circulación cortarase de forma gradual a partir das 16.45 comezando polas rúas Alexandre Bóveda e Alejandro Cerecedo, onde se concentrarán os participantes

Policía Local de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Policía Local de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A celebración do Desfile de Disfraces e Carrozas previsto para este martes pola tarde en Vilagarcía obrigará a eliminar os aparcamentos nas rúas polas que discorrerá o evento, así como a cortar o tráfico rodado nas zonas afectadas. A Policía Local advirte de que os estacionamentos deberán quedar libres ás 15.00 horas e de que os peches de tráfico comezarán a r ealizarse de xeito gradual a partir das 16.45 horas.

As rúas afectadas por estas medidas son a Praza Doutor Carús, as rúas Alexandre Bóveda (entre Dr. Carús e Castelao), Alejandro Cerecedo, Doutor Tourón (entre Alejandro Cerecedo e Praza de España), Praza de España, Edelmiro Trillo, Padre Feijoo, Praza da Independencia, San Roque (ata a confluencia coa rúa Santa Eulalia), e Juan Carlos l (ata a Praza de Ravella).

Ás 15.00 horas comezarán a retirarse coa grúa os vehículos que permanezan estacionados nas rúas Doutor Carús e Alexandre Bóveda, que xa deberán estar libres tras a celebración do mercado pola mañá. No resto do percorrido comezarase a partires das 16.00 horas.

Os peches ao tráfico rodado comezarán ás 16.45 horas polas rúas Alejandro Cerecedo e Alexandre Bóveda. A partires das 17.15 horas a medida estenderase de forma gradual ao resto das rúas do percorrido, comezando pola Praza España, Edelmiro Trillo e Praza da Independencia e, segundo vaia transcorrendo o desfile, para continuar pola rúa San Roque e na Avda. Juan Carlos I, entre os cruces da Porta da Luz Salgada e o Ramal, coincidindo coa acceso da comitiva á Praza de Ravella.

Ademais de recomendar que, na medida do posible, se evite circular pola cidade durante toda a tarde do martes, a Policía Local recomenda aos veciños que garden os vehículos nos garaxes e quen non teña esta posibilidade, os estacionen con anterioridade fora das zonas afectadas. Aos visitantes, aconséllase que entren en Vilagarcía antes das 16.30 horas e procuren estacionar nos aparcamentos disuasorios e párkings públicos.