O Mercado das Flores regresa a Vilagarcía o 28 de outubro

A carpa instalarase no emprazamento habitual xunto ao río para facilitar as compras de cara á festividade de defuntos

Mercado Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Mercado Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Concellería de Promoción Económica e as vendedoras de flores na Praza de Abastos xa teñen todo listo para celebrar unha nova edición do Mercado das Flores que se celebra nos días previos á festividade dos Defuntos. A feira floral desenvolverase do 28 de outubro ao 1 de novembro no emprazamento habitual. Con esta iniciativa, Concello e floristas colaboran para dinamizar a actividade comercial deste sector na época de vendas máis importante do ano e para facilitar a asistencia dos clientes.

O Mercado das Flores desenvolverase baixo unha gran carpa pechada que se instalará no tramo peonil do Paseo García de Caamaño situado entre a ponte de Vista Alegre e a Praza de Abastos. As floristas exhibirán os seus produtos os días 28, 29, 30 e 31 de outubro, en horario ininterrompido de 9 .00 a 20.00, e o 1 de novembro, festivo de Todos os Santos, en horario matinal de 9.00 ás 14.00 horas.

O número de postos de venta é similar ao das últimas edicións, coa participación das floristas que acoden habitualmente ao mercado de Vilagarcía, máis a dalgunhas campesiñas que venden produto de colleita propia. Os postos de venta distribuiranse baixo a carpa, de modo que o produto se poida exhibir dunha forma máis atractiva e para maior confort de vendedores e clientes. Deste xeito, nun mesmo punto concéntrase unha gran oferta de flores soltas, ramos, centros e outros ornamentos florais especialmente confeccionados para adornar os cemiterios o Día de Defuntos. Ademais, a carpa pechada permite o desenvolvemento da actividade independentemente das inclemencias meteorolóxicas propias desta época do ano.

As vendedoras asumen o aluguer da carpa e a vixilancia da mesma, mentres que o Concello colabora co resto da infraestrutura e a loxística necesarias: a instalación das conexións eléctricas, a colocación das bancadas de exposición, a decoración exterior e interior da carpa, a elaboración e impresión de cartaces e a difusión do evento.