A praza da verdura acondicionarase para mellorara a exposición e fomentar a alimentación saudable

O Concello investirá 144.000 euros dos Next Generation en desenvolver a actuación que tamén busca fomentar a economía circular
(_LO_9117.JPG) PLAZA DE ABASTOS VILAGARCIA Reportaje ambiente video y varias fotos Habla conmigo
photo_camera Praza de abastos de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía acometerá nos vindeiros meses o acondicionamento do pavillón da Verdura da Praza de Abastos. Os traballos terán como finalidade mellorar a visualización e promoción dos produtos, fomentar a alimentación saudable e potenciar a economía circular como sistema sostible e respectuoso co medio. Na primeira fase desta intervención, que deberá estar rematada a finais deste ano, investiranse 144.000 euros.

A Concellería de Promoción Económica xa contratou a redacción do anteproxecto ao arquitecto Alberto Redondo. Aínda por coñecer como se concretarán as actuacións a realizar, os obxectivos das mesmas serán mellorar a visualización por parte da clientela dos produtos da horta que se venden nas instalacións e optimizar as condicións de exposición con sistemas axeitados de iluminación. Tamén se prevé a dotación dunha zona expositiva móbil para desenvolver actividades promocionais e de fomento do consumo de produtos naturais e de proximidade.

Os traballos financiarase cos fondos Next Generation, no marco do proxecto de Mellora, Revitalización e Resiliencia dos Mercados Tradicionais e das Zonas Comerciais Urbanas do programa Vilagarcía Viva.

Este novo proxecto da Praza da Verdura súmase aos xa en marcha e outros a executar nos vindeiros meses, tamén a través deste mesmo programa europeo, tanto para continuar mellorando as instalacións dos mercados municipais como para crear novos servizos.

Entre os primeiros, está a piques de comezar a instalación do sistema fotovoltaico que permitirá á Praza de Vilagarcía xerar electricidade para autoconsumo; así como a creación dun punto de carga para vehículos eléctricos no mercado vilagarcián e outro no de Vilaxoán. A actuación ten un custe de 84.790 euros e xa está adxudicada, polo que comezará a executarse en breve.

En fase de contratación se atopa o proxecto de mellora da accesibilidade do Paseo García de Caamaño, a zona peonil que discorre entre o río e a sala de abastos. A obra, orzamentada en 28.000 euros, ten como finalidade arranxar as zonas do pavimento que se atopan deterioradas, como a dos antigos parterres eliminados para facilitar a manobra dos vehículos de carga e descarga dos vendedores da praza e tamén dos do mercado ambulante. As superficies en mal estado arranxaranse combinando o uso de pedra e pavimento.