Vilagarcía sufrirá cortes de tráfico e restricións de estacionamentos este domingo

Estas medidas débense ao desfile de carrozas da Batalla de Flores que pechará as Festas de San Roque
Policía local de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Policía local de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Policía Local de Vilagarcía informou este venres das restricións de estacionamentos e dos cortes de tráfico que se levarán a cabo o domingo 20 de agosto con motivo da celebración do desfile de carrozas que dará comezo ás 21.30 horas e que discorrerá polo centro urbano.

Os estacionamentos nas zonas afectadas deberán quedar libres ás cinco da tarde para non entorpecer o paso das carrozas e os peches de rúas realizaranse co inicio do desfile e ata o seu remate.

As rúas polas que pasarán as carrozas e, polo tanto, se verán afectadas polas medidas mencionadas son: Moreira Casal, avenida Rosalía de Castro, Praza da Constitución, avenida Juan Carlos I, rúa Gumersindo Nartallo, Praza da Independencia, rúa Padre Feijó, Edelmiro Trillo e Praza de España.

A Policía xa colocará valas e carteis informativos nas vías afectadas. Os cortes de tráfico tamén restrinxirán o acceso de vehículos dos vaos permanentes, de aí que a Policía pida aos residentes e usuarios de garaxes destas zonas que sexan previsores á hora de fixar as súas chegadas e saídas para evitar a coincidencia co horario do desfile.