A poesía converte Vilagarcía nunha Cidade de Libro

Unha homenaxe a Neruda abriu este martes o evento, que na segunda xornada terá a novela negra como protagonista
Primeira xornada de Vilagarcía, Cidade de Libro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Primeira xornada de Vilagarcía, Cidade de Libro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O parque Miguel Hernández levantou este martes o telón da cuarta edición do Vilagarcía, Cidade de Libro. Fíxoo cunha primeira xornada protagonizada pola poesía baixo o título Cen poemas de amor…, en homenaxe ao centenario da obra Veinte cartas de amor y una canción desesperada de Pablo Neruda. Lúa Mosquetera, Ismael Ramos e Afra Torrado foron os autores convidados e os encargados de inaugurar o programa Conversas ao Solpor.

Mosquetera recitou poemas co acompañamiento musical de Pablo Seijas e, máis tarde, xunto con Ramos e Torrado firmaron libros antes de subirse ao escenario principal do parque. A súa conversa foi moderada pola xornalista Susana Pedreira e, na cita, os lectores puideron achegar as súas dúbidas aos autores.

Onte tamén abriron as casetas da mostra, que este ano contan coas librerías Follas Novas Arousa, Vidal, Nobel Arousa, Metrópolis Cómics Arousa e Hojas de Lorien, a asociación Mesa das Verbas e as editoriais Vento Norte e Tazalunar Books. Ademais da posibilidade de mercar libros, estas tamén serán puntos de encontro porque acollerán firmas, presentacións e outras actividades. A caseta da Mesa das Verbas celebrou onte un recital poético en honra ao propio Pablo Neruda.

Segunda xornada

A xornada de este mércores chega cargada de misterio e cun cartel repleto de grandes autores galegos e de ámbito nacional. Baixo o epígrafe VGA en negro desfilarán polas casetas de firmas Pedro Feijoo, Arantza Portabales e Rober Cagiao, xunto con Noemí Trujillo e Lorenzo Silva, estes dous para presentar unha nova aventura da inspectora Manuela Mauri, a protagonista da saga policíaca da que xa levan coescrito tres novelas.

Os cinco autores especializados no thriller protagonizarán a Conversa ao solpor a partir das 20.30 horas no escenario principal do Parque Miguel Hernández. O xornalista Carlos Crespo moderará a sesión na que o público tamén poderá intervir.

Pero a actividade comezará xa ás 10.00 horas coa celebración dunha xincana literaria para distintos centros educativos do municipio. As casetas abrirán as portas ás 18.00 horas e á mesma hora, no espazo infantil do Recuncho dos Contos, comezará o espectáculo Contos para cagar patatiñas. Ás 19.00 horas, no mesmo escenario, desenvolverase a actividade O club de cazadores/as de misterios.