Ravella aborda a aprobación do regulamento da praza de Abastos tras as alegacións

Exímese aos postos de venta de peixe de abrir os luns, atendendo ás peculiaridades da actividade pesqueira e do produto ▶ Non se contabilizarán como faltas os días que as peixeiras non acudan á Praza debido á temporais que impidan a pesca ou outras circunstancias xustificadas

 

O Concello de Vilagarcía deu luz verde á actuación este luns. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Fachada Concello Vilagarcia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Corporación Municipal abordará a vindeira semana en Pleno a aprobación definitiva do Regulamento Municipal das Prazas de Abastos de Vilagarcía tras terse incorporado ao texto algunhas das alegacións presentadas durante o período de exposición pública. Os cambios introducidos no documento pola Concellería de Promoción Económica e Mercados céntrase en medidas que afectan especificamente ao sector da venta de peixe fresco, recoñecendo a súa singularidade e as circunstancias especiais da venta dun produto cuxa dispoñibilidade depende de circunstancias como as climatolóxicas que paran á flota.

A Concellería que dirixe Alba Briones leva o texto definitivo ao Pleno despois de ter estudado as alegacións presentadas. As modificacións foron expostas aos grupos da oposición nunha xuntanza celebrada no mes de outubro, cando tamén se lles aportou a proposta coa redacción definitiva, sen que se teña producido ningunha suxestión e matización ao respecto. O regulamento aprobárase inicialmente por unanimidade da Corporación.

Unha das primeiras modificacións incluídas neste sentido é que se exime aos posto de venta de peixe de fresco de abrir os luns, xornada na que tradicionalmente sempre escasea o produto e máis a clientela á praza. Ademais, poderase autorizar a ausencia das peixeiras, naquelas xornadas nas que, polas condicións climatolóxicas adversas ou calquera outra circunstancia, non abran as lonxas, sempre que a circunstancia estea debidamente acreditada (orde de peche de portos e paro da flota por temporal su alerta no mar, etc…).

A maiores, e tamén atendendo a todas estas peculiaridades, engádese ao texto aprobado inicialmente unha disposición transitoria (a segunda) na que se establece que a contabilización dos días de peche inxustificados para este sector dos concesionarios da Praza non se comezará a realizar ata o 1 de xaneiro de 2024, co obxectivo de dar tempo a desenvolver as novas accións de promoción e dinamización da Praza de Abastos que a Concellería ten previsto levar a cabo en colaboración cos praceiros para atraer nova clientela e tratar de que haxa ventas durante todos os días da semana nos que o mercado público permanece aberto, e non se concentren maioritariamente, como ata o de agora, os martes e os sábados.

Os horarios de funcionamento tamén se tratan de acomodar ás novas circunstancias quedando establecido que as Prazas Públicas abrirá e pecharán, con carácter xeral, os martes e sábados de 6 a 20 horas, e o resto dos días da semana, de 7 a 20 horas. Estes horarios poderán ser obxecto de variación por necesidades do servizo.

Os concesionarios terán os seus postos preparados para a venda como máximo ás 9 horas e o horario de acceso de provedores e mercadorías será como máximo ata as 9:30 da mañá (a partir desa hora as zonas comúns teñen que permanecer limpas e libres) e de 17 a 19:30 horas polas tardes, quedando prohibida a entrada a provedores e mercadorías fóra dos horarios indicados. En todo caso, o Concello resérvase a facultade de modificar os devanditos horarios por causas xustificadas e previo acordo da Xunta de Goberno Local.

A última das modificacións incorporadas ao regulamento ten como obxecto evitar as especulacións nos traspasos das concesións dos postos de mercado, polo que será obrigatoria e emisión dun informe previo municipal para determinar se o prezo pactado entre as partes é acorde coas prezos medios do mercado que rexen no municipio.

Obxectivo de mellorar o servizo e dinamizar o funcionamento

O novo regulamento das Prazas de Abastos de Vilagarcía adapta a normativa anterior, que levaba décadas sen actualizar, ás novas condicións dos mercados e ás normativas en vigor, regulando as súas condicións de uso e funcionamento tanto ás características dos edificios, obxecto de importantes reformas nos últimos anos, como da nova Lei de Contratos. Ademais, co novo sistema de uso preténdese mellorar funcionamento da Praza e os servizos que presta á cidadanía e dinamizar a súa actividade tanto a nivel dos concesionarios como da propia clientela.